Nova: Cultura contrata a restauración integral dos cubos LXX e LXXI da muralla de Lugo

16/06/2017
Cultura contrata a restauración integral dos cubos LXX e LXXI da muralla de Lugo
O orzamento total das obras en catro cubos deste Ben Patrimonio da Humanidade ascende a 700.000 euros
Proximamente adxudicaranse os traballos nos cubos XIX e LXXX, agora en licitació
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de contratar, por un importe de 217.765,66 euros, e un prazo de execución de seis meses, os traballos de restauración integral dos cubos LXX e LXXI da muralla de Lugo, tal como publica hoxe o DOG.
Ao igual que a restauración dos cubos XIX (nas proximidades da Porta Miñá) e LXXX (preto da porta de San Fernando) -cuxa licitación se resolverá proximamente-, estas obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e o orzamento total das mesmas ascende a 700.000 euros.
Tarefas no LXX e LXXI
No que atinxe aos cubos LXX e LXXI, a intervención prevista contempla diversas actuacións previas consistentes na instalación de apeos estruturais, a retirada da saburra compactada do remate superficial do pavimento, a demolición da lousas de formigón armado existentes a diferentes niveis e o baleirado de capas de areas entre as lousas por medios manuais.
Logo levaranse a cabo diversas actuacións de restauración, comezando pola escavación arqueolóxica do solo dos cubos, continuando coa execución da gabia e a zapata de cimentación para a construción dun muro e contrafortes de lousa con morteiro de cal e area.
Os traballos rematarán coa formación da soleira, a base de morteiro de cal e area, a colocación dunha lámina impermeabilizante de caucho de butilo entre xeotextís, que impida que se filtre auga, e a execución de capa protectora de morteiro de cal e area, a capa de arxila natural e a capa de remate saburra, repoñendo así o chan ao seu estado orixinal. A actuación contará con todas as cautelas arqueolóxicas e medioambientais precisas e terá un prazo de execución de seis meses.