Nova: Os libros e a lectura, protagonistas da semana en Redondela

08/06/2017

Os libros e a lectura, protagonistas da semana en Redondela

As Feiras do Libro de Galicia chegan ao municipio pontevedrés coas últimas novidades editoriais e cun programa de máis de 20 actividades ata o 11 de xuño

A Federación de Librarías de Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura promoven este ano 16 citas co libro ata o próximo mes de agosto co fin de favocer a lectura e o comercio editorial
 

  • A escritora Ledicia Costas foi a pregoeira das Feiras do Libro de Galicia en Redondela

Redondela (Pontevedra), 8 de xuño de 2017.- A Alameda de Redondela acolle desde hoxe e ata o próximo 11 de xuño as Feiras do Libro de Galicia, que ofrecerán no municipio pontevedrés unha programación de máis de 20 actividades para todos os públicos, que inclúen presentacións e sinatura de libros, obradoiros infantís, espectáculos musicais e contacontos.

“Hoxe abrimos as portas dunha nova cita das Feiras do Libro de Galicia, que agora chega a Redondela, unha vila chea de simbolismo no literario para a cultura galega”, asegurou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración da feira, no que participou xunto co alcalde do municipio, Javier Bas; a directora da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e a deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación Provincial de Pontevedra, Digna Rivas.

Froitos económicos e de presenza social

“Esperamos –dixo– que o esforzo dos libreiros e das libreiras por sacar o libro dos seus andeis habituais e achegalo á rúa teña tamén o mellor dos froitos en termos económicos e en termos de presenza social”, ao tempo que recordou o papel fundamental que xogan os libreiros neste sistema literario que formamos entre todos: institucións, editores, autores, distribuidores, libreiros, bibliotecas e, naturalmente, lectores”.

O pregón correu a cargo da escritora Ledicia Costas, “unha das voces máis importantes da literatura xuvenil actual, que é literatura para todos, como ela ben demostra nas súas páxinas recentes nas que nos mergulla en episodios fantásticos nas augas desta ría”, recordou Anxo Lorenzo, que se referiu ás feiras do libro como “unha oportunidade de encontro, cos veciños, cos amigos, arredor da lectura; para comentar, para recomendar, para compartir”.

Horario da feira

A Feira do Libro de Redondela permanecerá aberta hoxe e mañá venres de 11:00 a 14:00 horas, pola mañá, e de 17:00 a 21:00 horas en horario de tarde. Na fin de semana, poderá visitarse de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30 horas.

Calendario das Feiras do Libro de Galicia

Logo do seu paso por Verín, por Ferrol, por Santiago de Compostela, polo Porriño, por Lugo, e por Ourense, as próximas citas das Feiras do Libro de Galicia 2017 realizaranse en Ribeira, do 22 ao 25 de xuño; en Vigo, do 29 de xuño ao 8 de xullo; en Rianxo, do 20 ao 23 de xullo; en Mondoñedo, entre o 24 e o 26 de xullo; e en Ponteareas, do 27 ao 30 dese mesmo mes. En agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 10; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte de Lemos, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 deste mes estival.

O calendario completo pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en https://www.cultura.gal/gl/axenda
 

Comparte