Nova: A Fundación Cela renovará o proxecto museográfico e reabrirá o Museo Ferrocarrileiro nas súas instalacións de Iria Flavia

02/06/2017

A Fundación Cela renovará o proxecto museográfico e reabrirá o Museo Ferrocarrileiro nas súas instalacións de Iria Flavia

Estes traballos de redefinición e mellora comezarán a vindeira semana e durarán ao redor de seis meses durante os cales o Museo Camilo José Cela estará pechado ao público

Santiago, 2 de xuño de 2017.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela reorganizará e renovará o proxecto museográfico e reabrirá o Museo ferrocarrileiro ‘John Trulock’ nas súas instalacións de Iria Flavia. En concreto, para recuperar a memoria da primeira liña ferroviaria galega acondicionaranse as dúas salas do Museo Camilo José Cela dedicadas a Viaje a la Alcarria. Estes traballos de redefinición e mellora durarán preto de seis meses durante os cales o Museo dedicado ao autor padronés estará pechado ao público.

Esta medida está vinculada co acordo asinado en maio de 2016 entre a Fundación e o fillo do Nobel, Camilo José Cela Conde, para a execución da sentenza por dereitos de lexítima do mesmo, polo que se lle entrega a Casa nº 8 –onde se sitúa o Museo Ferrocarrileiro ‘John Trulock’– e un total de vinte unha obras de arte.

Así a todo, por acordo das partes, a entrega do material referido no acordo adiábase por un prazo de dez anos, podendo Camilo José Cela Conde solicitar a súa recuperación en calquera momento. Durante este período os bens permanecerían na Fundación co propósito de que se puideran destinar ao cumprimento dos fins fundacionais.

Recentemente, o propio Cela Conde solicitou á Administración autonómica a entrega inmediata dos bens que por lei lle corresponden e desde a Xunta procedeuse a cumprir co acordado. Cómpre aclarar que estas obras de arte, se ben teñen un alto valor patrimonial, non afectan á integridade da colección nin a ningún dos aspectos claves do proxecto museístico no referente ao o legado intelectual, literario, cultural e humano de Camilo José Cela.

Novo convenio con Ferrocarriles Españoles

Na mesma liña, e para non perder unha instalación museística moi querida na comarca, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela ven de negociar un novo Convenio coa Fundación de Ferrocarriles Españoles para a integración da meirande parte dos fondos ferroviarios que se atopan no Museo Ferrocarrilero “John Trulock” dentro do propio Museo Camilo José Cela que tamén xestiona á entidade.

Con esta medida a Fundación Pública cumpre, a súa vez, cunha reclamación histórica do Concello de Padrón e integrará dentro do Museo Camilo José Cela un espazo específico no que dar a coñecer a historia do ferrocarril en Galicia moi vinculada tanto á vila que veu nacer ao escritor coma á figura do avó de Camilo José Cela, John Trulock.

A entidade aproveitará esta oportunidade para remodelar e mellorar o percorrido museográfico de Iria Flavia –unha vez rematados os actos conmemorativos do Centenario do nacemento do premio Nobel– modernizando tanto o continente coma o contido do Museo, adaptándoo aos novos públicos, permitindo a visita libre e fomentando o uso das novas tecnoloxías, o que permitirá un novo achegamento á figura do escritor cen anos despois do seu nacemento. En concreto, estas actuacións permitirán renovar o sistema de seguridade das distintas salas e espazos expositivos e eliminar as humidades presentes en diversas salas, acometendo unha solución para as humidades por capilaridade da pedra.

Para a realización de todos estes traballos a entidade padronesa pechará ás súas portas a partires da semana que vén e prevé a apertura das súas novas instalacións de cara a finais deste ano 2017.
 

Comparte