Nova: Xosé Luís Mosquera Camba recibe o XX Premio de Poesía Concello de Carral

26/05/2017

Xosé Luís Mosquera Camba recibe o XX Premio de Poesía Concello de Carral

A súa obra ‘Das árbores tropicais e do amor’ e a publicación do poemario gañador da pasada edición, ‘Devalar sen pel’, de Modesto Fraga, centraron o acto de entrega do certame, que cumpre dúas décadas

O secretario xeral de Cultura amosou a súa satisfacción por “acompañar estas novas obras que continúan enriquecendo o corpus poético en lingua galega cunha altísima calidade”
 

Carral, 26 de maio de 2017.- O poeta e profesor de arte Xosé Luís Mosquera Camba recibiu o XX Premio de Poesía Concello de Carral pola súa obra ‘Das árbores tropicais e do amor’, nun acto no que tamén se presentou a publicación do traballo gañador da pasada edición, ‘Devalar sen pel’, de Modesto Fraga.

Durante o acto, que tivo lugar na Casa da Cultura do municipio coruñés, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, recordou que, desde “a Xunta de Galicia, vimos colaborando con este premio promovido polo Concello de Carral porque pensamos que é importante manter estas iniciativas estables e de referencia para a creación poética, que medran con cada edición grazas á calidade dos autores e autoras e tamén grazas á implicación das entidades que poñen o seu saber facer na edición e na convocatoria deste certame”.

Novas achegas ao corpus poético en galego
“Neste ano no que imos ter ocasión de recuperarmos para Galicia o Pergamiño Vindel –dixo, cunha serie de poemas que podemos considerar fundacionais da nosa literatura, compostos por Martín Códax, é unha satisfacción acompañar estas novas obras que continúan enriquecendo o corpus poético en lingua galega cunha altísima calidade”.

Finalmente, destacou a necesidade de “contar en cada xeración con voces poéticas que nos ofrezan referentes de versos que nos sirvan para recoñecernos e para crear novas imaxes e reflexións a partir da lectura”.

Orixinalidade da obra gañadora
Da obra gañadora da vixésima edición do certame, o xurado destacou a súa orixinalidade, a capacidade de xogar coa tradición e o uso da linguaxe, con entrada para outras linguas e culturas, como xa ten feito noutros traballos poéticos o autor, que xa fora galardoado con este premio en 2007 pola obra Nadja c’est moi.

Prestixio e consolidación do certame
Dotado con 2.500 euros e coa publicación da obra gañadora, o Premio de Poesía Concello de Carral constitúe un dos certames de referencia do panorama literario galego. Desde o ano da súa creación, en 1997, promovido polo Concello de Carral, o preimo foi consolidándose e incrementando o seu prestixio a través da calidade das obras galardoadas e da proxección dos autores e das autoras gañadoras ao longo das súas vinte edicións, entre os que se inclúen nomes coma os de Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Eva Veiga, Marcos Calveiro, Eli Ríos, Miro Villar e Emma Pedreira.

A Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, vén colaborando co Premio de Poesía Concello de Carral e tamén con outros certames, como o Premio de Poesía Afundación, o Premio de Narrativa Breve Respsol, o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, co fin de favorecer a creación literaria en lingua galega e de dar a coñecer a obras e os autores e autoras da produción actual.
 

Comparte