Nova: Banda deseñada, xeroglíficos e teatro para promover a lectura no verán

17/08/2014

Banda deseñada, xeroglíficos e teatro para promover a lectura no verán

Ler conta moito programa en agosto 50 eventos en toda Galicia para achegarlle o libro á cidadanía, especialmente ao público infantil e xuvenil

  • Banda deseñada co Xabarín Club Banda deseñada co Xabarín Club
  • Ler conta moito Ler conta moito

Santiago, 17 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a gozar do verán a través da lectura con novas actividades de Ler conta moito, que nos vindeiros días continuará o seu percorrido pola Rede de Bibliotecas de Galicia nas provincias de Pontevedra e da Coruña. Cambados, Valga e a cidade herculina serán os próximos escenarios do programa, que levará a estes concellos diversas propostas para dinamizar a lectura entre grandes e pequenos.

Na provincia de Pontevedra, o luns 18 de agosto, ás 11 horas, o municipio de Cambados acollerá unha nova sesión da actividade ‘O lapis máxico’, un obradoiro creativo de propostas escénicas a cargo de Teatro Buratini no que mozos e nenos a partir de 6 anos poderán descubrir os segredos dunha representación teatral. Ese mesmo día e á mesma hora, o concello de Valga tamén será o escenario dunha nova sesión de ‘Bibliotecas animadas’, un obradoiro no que rapaces e nenos e nenas de entre 6 e 12 terán ocasión de darlle renda solta á súa creatividade a través do cinema, da fotografía, da literatura e das artes plásticas.

O concello de Valga volverá acoller o programa Ler conta moito o martes 19 de agosto, ás 11 horas, coa actividade ‘O príncipe predestinado’. Durante 90 minutos, os nenos e nenas de 9 a 12 anos que participen nesta proposta terán ocasión de realizar unha viaxe ao mundo dos xeroglíficos exipcios a través dun misterioso papiro esnaquizado e no marco dun obradoiro creativo no que serán protagonistas a oralidade e o audiovisual.

Banda deseñada co Xabarín Club
A vindeira semana, Ler conta moito tamén chegará á provincia da Coruña a través das tres sesións de ‘OINK!’, que se realizarán na biblioteca Fórum Metropolitano o 18 ao 20 de agosto ás 12 horas. Neste obradoiro, os ilustradores de ‘OINK!’ –a revista do Xabarín Club– póñense mans á obra para darlles a coñecer o mundo da banda deseñada á rapazada e tamén aos que non son tan novos, a través de obradoiros creativos e de charlas divulgativas.

O blog de 'Ler conta moito'

A axenda con todas as actividades de ‘Ler conta moito’ pode consultarse no portal rbgalicia.xunta.es. Ademais, o programa dispón dun blog no que as bibliotecas recollen e comentan os eventos realizados para fomentar a lectura entre a cidadanía, accesible en http://blogs.xunta.es/lercontamoito/.

50 sesións no mes de agosto
En 2013, a Secretaría Xeral de Cultura puxo en marcha este novo programa de dinamización da lectura que, na súa segunda edición, levará ata o vindeiro mes de outubro preto de 800 eventos a través da Rede de Bibliotecas de Galicia. Durante este mes mes de agosto, Ler conta moito está a percorrer as catro provincias con 50 sesións de dinamización da lectura para lles achegar os libros a todos os públicos, especialmente aos máis novos.
 

Comparte