Nova: Preto de mil nenos despiden Tic, tac, toc no Auditorio de Galicia

20/05/2017

Preto de mil nenos despiden Tic, tac, toc no Auditorio de Galicia

O concerto do FalaRedes percorreu 19 concellos entre as catro provincias galegas

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe ao concerto final de Tic, tac, toc, o espectáculo co que Pablo Díaz fixo as delicias de miles de nenos durante o seu percorrido por 19 concellos galegos no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2017. Preto de 1000 nenos entoaron as pezas interpretadas no Auditorio de Galicia polo músico coruñés, unha das figuras actuais máis recoñecidas do panorama musical infantil galego, e pola súa banda, integrada por Olga Kirk (coros e bailes), Diego Barral (guitarras), Álex Fente (acordeón), Antón Díaz (baixo eléctrico) e Carlos Freire (batería).

A través desta proposta musical, baseada no proxecto homónimo editado por Galaxia, a rapazada de ata sete anos pode gozar en galego das cancións infantís que lle son máis próximas, ademais coñecer ritmos e sentires de latitudes diversas, como Brasil, Cuba ou os Estados Unidos. A actividade ten como obxectivos principais a promoción da lingua no ámbito familiar e a súa transmisión afectiva a través da música, na procura de xerar actitudes positivas entre os máis novos cara a lingua propia de Galicia.

FalaRedes 2017

A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes ), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte