Nova: Novas accións a prol da innovación nos servizos bibliotecarios galegos

19/05/2017

Novas accións a prol da innovación nos servizos bibliotecarios galegos

Cultura, a Amtega e a Fegamp asinan  un convenio para incorporar 70 bibliotecas municipais ao novo sistema integrado de xestión bibliotecaria, que ofrece un catálogo conxunto para as bibliotecas galegas dispoñible na web www.rbgalicia.xunta.gal

Cun carné único, os usuarios poden acceder aos servizos de todas as bibliotecas, ao tempo que se facilita o labor dos técnicos, cunha xestión homoxénea e máis eficiente dos recursos e dos datos
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, asinaron un convenio de colaboración para a integración de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Esta actuación enmárcase nos traballos que están a desenvolver o departamento de Cultura da Xunta de Galicia e mais a Amtega para implantar na Rede de Bibliotecas de Galicia un novo sistema integrado de xestión bibliotecaria, un software libre de código aberto que abre as portas da integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia nun contorno unificado; un contorno único tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria.

Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que esta actuación conta cun investimento de 1,1 millóns de euros no período 2016-2018, cofinanciados con fondos FEDER, para o desenvolvemento e implantación do sistema, a dotación de equipamento tecnolóxico e ampliación dos servizos aos usuarios.

Mar Pereira lembrou que a creación deste catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia forma parte da carteira de servizos dixitais que a Xunta está a poñer a disposición dos concellos a través de nove convenios de colaboración coa Fegamp para impulsar a dixitalización das entidades locais. A responsable da Axencia autonómica enmarcou todas estas iniciativas na Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten definida unha liña específica de actuación para facilitar a accesibilidade dixital ao patrimonio cultural galego.

O presidente da Fegamp destacou que desde a Federación Galega de Municipios e Provincias “sempre se apoiarán todas aquelas iniciativas que traten de mellorar, modernizar ou simplificar os procesos que vaian na procura de mellorar o acceso á documentación, e aínda máis si se trata de facer máis accesible a cultura aos cidadáns”.

No mesmo senso, o presidente da federación aclarou que o labor da Fegamp neste acordo é impulsar a addenda dos concellos aos que representan a participar nunha iniciativa que vén a favorecer aos usuarios de bibliotecas de toda Galicia, simplificando e amplificando as posibilidades da procura de material bibliográfico.

Un proceso de integración progresiva

Na primeira fase deste proceso de integración, iniciada en 2016, incorporáronse ao catálogo colectivo un total de 43 bibliotecas e agora iníciase unha segunda fase na que, durante os próximos meses, se integrarán un total de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais que na actualidade contan con diferentes programas de xestión. Trátase, en palabras do conselleiro de Cultura, dun proceso de “integración progresiva das preto de 370 bibliotecas que conforman a rede”. Nunha seguinte fase irase completando a incorporación das restantes bibliotecas da rede e abordase tamén a integración das bibliotecas dos centros públicos escolares.

Na presentación desta segunda fase do proxecto tamén participaron a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou os importantes pasos que se veñen dando nos últimos anos vinculados coa innovación na xestión e coa implantación das tecnoloxías nos servizos bibliotecarios, tales como a plataforma GaliciaLe, un sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.

As novas incorporacións ao catálogo colectivo

As 70 bibliotecas e axencias de lectura que se incorporan nesta segunda fase ao sistema integrado de xestión bibliotecaria son dos concellos da Laracha, da Pobra do Caramiñal, de Ames, de Baiona, de Barbadás, de Boiro, de Brión, de Burela, de Cambre, de Cangas, de Carballo, de Carral, de Cedeira, de Cee, de Celanova, de Culleredo, de Fene, de Foz, do Grove, de Lalín, de Marín, de Moaña, de Monforte de Lemos, de Mos, de Narón, de Nigrán, do Saviñao, de Oroso, de Ourense, de Ponteareas, do Porriño, de Redondela, de Rianxo, de Ribadavia, de Ribadeo, de Ribeira, de Sada, de Teo, de Verín, de Vilalba, de Xinzo de Limia, de Bueu e das Pontes de García Rodríguez.

Actualmente xa están integradas a Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, e as bibliotecas especializadas de arquivos e museos xestionadas pola Consellería; a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as fundacións Manuel María e Vicente Risco, a biblioteca do Convento de San Francisco e o CGAI, xunto coas bibliotecas públicas municipais de Ferrol, Vigo, Oleiros, Laxe, Sanxenxo e Ortigueira.

Carné único para os usuarios

O novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios e as usuarias de cada biblioteca e da Rede en xeral ao crearse un catálogo único, accesible a través da web https://rbgalicia.xunta.gal. Pero ademais, os usuarios terán un carné único de bibliotecas que dá acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas, unha iniciativa que, segundo salientou Román Rodríguez, “é un exemplo máis do esforzo da innovación e mellora tecnolóxica das bibliotecas públicas galegas”. Así mesmo, con este sistema tamén se logra homoxeneizar e simplificar a catalogación das coleccións e, en definitiva, camíñase cara ao funcionamento común dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como cara á mellora do servizo para os usuarios.

Sistema moderno, eficiente e accesible

A integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón impulsar un sistema bibliotecario máis desenvolvido e moderno, permite que o cidadán poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, mellora a visibilidade dos fondos dos centros –posto que se pode consultar a través dunha páxina única en liña en que a biblioteca está o documento que busca e reservalo–, e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos.

O próximo 26 de maio, a Cidade da Cultura acollerá a realización dunha xornada técnica á que está convocado o persoal técnico das novas bibliotecas e axencias de lectura que se incorporan ao sistema, para darlle a coñecer as cualidades deste novo sistema.