Nova: O Museo das Peregrinacións abre as súas portas á diversidade das culturas

18/05/2017

O Museo das Peregrinacións abre as súas portas á diversidade das culturas

O centro expositivo da praza das Praterías celebrou co gallo do Día dos Museos unha xornada de acceso gratuíto na que tenta mostrar ao público a filosofía integradora da súa oferta

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a antiga sede do Banco de España e fixo un chamamento a descubrir os misterios que agocha
 

  • O centro expositivo da praza das Praterías celebra unha xornada de acceso gratuíto na que tenta mostrar ao público a filosofía integradora da súa oferta O centro expositivo da praza das Praterías celebra unha xornada de acceso gratuíto na que tenta mostrar ao público a filosofía integradora da súa oferta
  • O centro expositivo da praza das Praterías celebra unha xornada de acceso gratuíto na que tenta mostrar ao público a filosofía integradora da súa oferta O centro expositivo da praza das Praterías celebra unha xornada de acceso gratuíto na que tenta mostrar ao público a filosofía integradora da súa oferta
  • O centro expositivo da praza das Praterías celebra unha xornada de acceso gratuíto na que tenta mostrar ao público a filosofía integradora da súa oferta O centro expositivo da praza das Praterías celebra unha xornada de acceso gratuíto na que tenta mostrar ao público a filosofía integradora da súa oferta

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o Museo das Peregrinacións con motivo do Día Internacional dos Museos, celebrado hoxe e que tivo o seu reflexo en todos os centros expositivos da rede galega xestionada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A temática asignada polo Consello Internacional de Museos (ICOM) é Museos e historias controvertidas. Dicir o indicible nos museos, e tenta ser unha plataforma de reflexión para intentar transmitir a idea de que os museos poden servir de axentes de mediación e reconciliación entre os pobos.

A programación do Museo das Peregrinacións para esta celebración pretende crear un espazo de reunión cultural con diversos elementos propios dos mundos hebreo e árabe que, mesturados co galego e todas as pezas da Colección, ofrezan unha visión do Museo acorde coa súa filosofía integradora e multicultural. A través da música, a danza, os contos e mesmo a gastronomía, os visitantes poden apreciar aspectos positivos de cada unha destas culturas fronte a outros aspectos máis controvertidos e mediáticos. Deste xeito búscase achegar ao público as culturas que teñen cabida nas historias que narra o museo a través das súas pezas.

As celebracións comezaron hoxe cunha xornada de portas abertas, con entrada gratuíta, e un concerto de Kentokaki, cuarteto composto por clarinete, guitarra, baixo e batería, que interpretou temas propios da música klezmer, un dos xéneros musicais tradicionais dos xudeus asquenazíes. A velada rematou cunha dunha degustación de doces hebreos. Mañá venres, 19 de maio, ás 18,30 horas, Pilar Conde impartirá un obradoiro de danzas tradicionais do mundo, gratuíto, para todos os públicos con inscrición previa no teléfono 881 913 055. Durante unha hora, os participantes asistirán a unha das manifestacións da cultura popular máis antigas que existen. Danzas europeas, hebreas ou árabes servirán para facer unha sinxela e particular inmersión nas súas respectivas culturas.

Ás 20,00 horas, o narrador galego Celso Fernández Sanmartín convértese con Camiños e contos da tradición popular en mediador entre culturas, revelando segredos e amosando metáforas que o público tratará de desvelar.

O sábado, 20 de maio, ás 18,00 horas, o artista Ali Ali contará unha historia cargada da maxia oriental que evoca á súa infancia vivida en Siria: Suleiman e Salúa. Tamén ofrecerá unha mostra das súas ilustracións tendo a posibilidade de contemplar un dos orixinais.Como colofón a estas celebracións, unha degustación de doces típicos elaborados por Muna Doueihi, cociñeira de orixe libia, que explicará a composición das receitas e os modos de elaboración.

Santiago e as peregrinacións

O Museo das Peregrinacións atópase inmerso nun importante proceso de cambio, iniciado no ano 2003, e que ven afectando tanto á súa organización interna como á súa propia sede física.Esta renovación afectou á definición da propia institución que, a partir de 2007 pasou a denominarse Museo das Peregrinacións e de Santiago, entendido como unha institución museistica nacional, centro de documentación, investigación e interpretación de Santiago e das peregrinacións.

Os seus eixos temáticos son a peregrinación como fenómeno universal, a peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago en todas as súas dimensións e a cidade de Santiago de Compostela en canto meta da peregrinación. O antigo Banco de España na Praza de Praterías, a partir de novembro de 2015, pasou a ser a nova sede do museo. A Casa Gótica, na rúa de San Miguel, quedou destinada á Biblioteca e ao Centro de Documentación, Investigación e Interpretación, xunto a outros servizos internos do centro como son as áreas administrativa, técnica, de investigación e dirección.

Con posterioridade á transferencia da xestión deste centro á Xunta de Galicia en 1995, acometeu unha política de adquisición programada de fondos, coa que as coleccións experimentan un crecemento progresivo, especialmente fortalecido nos últimos años coa mirada posta na ampliación prevista no novo edificio da Praza de Praterías.

Colección de acibeche

A día de hoxe destacan pola súa ampla variedade os fondos relativos á iconografía xacobea, con representacións da figura do apóstolo Santiago procedentes das distintas rexións peninsulares e mesmo doutros moitos países. Dispón tamén dunha importante colección de acibeche, tan vinculado á cidade compostelá e á peregrinación, así como un fondo bibliográfico antigo sobre o culto xacobeo e a Orde de Santiago ao que se engade un fondo documental sobre as peregrinacións en xeral, a peregrinación xacobea, o Camiño de Santiago e a cidade de Compostela. No pasado ano, 34.353 persoas visitaron o museo.

Ovidio Rodeiro destacou, durante a súa visita ao Museo das Peregrinacións, o “impresionante torrente de cultura galega que se agocha neste lugar” e animou aos composteláns a “asomarse e coñecer un patrimonio que temos ao alcance da man”. O delegado territorial sinalou que “as veces andamos a buscar polo mundo lugares e manifestacións culturais excepcionais que removan a nosa curiosidade, e non nos damos conta de que temos canda nós un patrimonio incrible”.