Nova: A Mostra (s8) de Cinema Periférico centra a súa nova edición no xénero do found footage

18/05/2017

A Mostra (s8) de Cinema Periférico centra a súa nova edición no xénero do found footage

O festival presentou a programación que desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño na Coruña, co apoio da Consellería de Cultura a través dunha subvención da Agadic e da colaboración do CGAI

O clásico do cine mudo ‘Fausto’, sonorizado en directo pola Orquestra Sinfónica de Galicia, abrirá esta nova entrega do encontro, na que tamén haberá lugar para as creacións galegas na sección Sinais
 

  • Cartel inspirado polo traballo de Joseph Cornell Cartel inspirado polo traballo de Joseph Cornell
  • Cartel inspirado polo traballo de Joseph Cornell Cartel inspirado polo traballo de Joseph Cornell
  • O 'found footage' (metraxe atopada) será un dos protagonistas da oitava edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico O 'found footage' (metraxe atopada) será un dos protagonistas da oitava edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico
  • O 'found footage' (metraxe atopada) será un dos protagonistas da oitava edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico O 'found footage' (metraxe atopada) será un dos protagonistas da oitava edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico

A Coruña, 18 de maio de 2017.- O xénero cinematográfico de vangarda coñecido como found footage (metraxe atopada) será un dos protagonistas da oitava edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que  presentou a programación que desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño na Coruña. O encontro volve contar co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través dunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) como unha das sedes das súas proxeccións.

Así o explicou Jacobo Sutil, director da Agadic, durante esta presentación, na que participou xunto ao director da mostra, Ángel Rueda, e aos representantes do resto das entidades colaboradoras. Fixo fincapé, así mesmo, na personalidade e singularidade da (S8) dentro do mapa galego de festivais audiovisuais.

Obxectos e aparicións

Para Sutil, un dos seus principais valores é o labor de divulgación de xéneros e contidos cinematográficos de vangarda, como é o caso do found footage ou cinema de apropiación, que centra gran parte da edición deste ano baixo o título Obxectos e aparicións. Trátase dun proceso que ten as súas orixes no surrealismo e que se retroalimenta do propio cinema mediante a revisión e reciclaxe de imaxes xa filmadas, ás que se lles dá un novo significado durante a montaxe.

A mostra réndelle homenaxe ao artista multidisciplinar Joseph Cornell, considerado o pai deste xénero, cuxo traballo inspirou tamén o deseño do cartel desta oitava edición. Presentaranse, así mesmo, as obras de Céline Fontaine e Luther Price, dous dos representantes máis destacados da metraxe atopada na actualidade, e o programa Found Sounds arredor da creadora holandesa Barbara Meter, ademais dunha exposición e unha clase maxistral da artista visual María Cañas como paradigma desta disciplina en España.

O director da Agadic referiuse especialmente á representación galega na programación da (S8), que volve dedicarlle a súa sección Sinais ao cinema galego de vangarda. Dunha banda, cunha sesión dedicada á cineasta Diana Toucedo, e doutra, coa selección de Sinais en Curto, que este ano reúne traballos de Carla Andrade, Jaoine Camborda, Helena Girón, Marcos Flórez e Samuel Delgado, entre outros. Ademais, a creadora viguesa Xisela Franco exhibirá na Coruña Interior, exterior, durante, a súa máis recente videoinstalación.

Como en anos anteriores, a mostra arrancará co seu tradicional cine-concerto inaugural, que este ano ofreceralle ao público o clásico do cinema mudo Fausto, de Murnau, sonorizado en directo pola Orquestra Sinfónica de Galicia no seu 25º aniversario.

Estreas

Outros dos contidos destacados serán os programas dedicados a Aldo Tambellini, un dos pais da contracultura norteamericana dos anos sesenta, e á cineasta alemá Helga Fanderl. A (S8) acollerá, ademais, a estrea mundial do filme Potamkin, do canadense Stephen Broomer, e presentará por vez primeira en España os traballos de Steve Polta, cineasta de culto e director do festival Crossroads, da Cinemateca de San Francisco, que é a mostra internacional convidada deste ano.

A programación volve incluír a sección Desbordamentos, dedicada ao cinema en tempo real ou film performance, que nesta ocasión ofrece traballos asinados polo colectivo francés Nominoë, Sally Golding, Alberto Alcoz e Blanca Viñas, considerados indispensables neste ámbito.

Unha das novidades de 2017 é a posta en marcha dun programa de bolsas de creación internacional para cineastas españois, que se convocará a partir de setembro en colaboración co LIFT-Centro de Creación e Formación de Cine Independente de Toronto. Ademais, o festival publicará 8S8, un libro-dvd de edición limitada que recollerá textos e imaxes únicas de moitos dos grandes nomes que pasaron pola Mostra de Cinema Periférico desde os seus inicios.

Na Axenda de Cultura de Galicia podedes consultar horarios e programacións deste e doutros festivaishttp://www.cultura.gal/gl/axenda-tipoloxia/festivais?type%5B%5D=26