Nova: As feiras do libro chegan á capital de Galicia cun programa de máis de 30 actividades

28/04/2017
As feiras do libro chegan á capital de Galicia cun programa de máis de 30 actividades
A Alameda acolle ata o 7 de maio a XXXVI Feira do Libro de Santiago de Compostela, que contará este ano con 13 casetas e numerosas propostas para lles achegar a lectura a todos os públicos
O sector editorial de Galicia é tamén protagonista estes días no exterior, coa participación do libro galego na Feira Internacional de Buenos Aires
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017.- As feiras do libro de Galicia chegan esta fin de semana a Santiago de Compostela cunha programación que inclúe máis de 30 actividades para todos os públicos. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Antón Pedreira; e a tenente de alcalde do Concello de Santiago, María Rozas, presentaron a trixésimo sexta edición desta cita cultural na cidade compostelá, que contará, ata o 7 de maio, cun total de 13 casetas situadas no espazo central da Alameda.
A alameda compostelá, lugar habitual de encontro e paseo dos veciños e veciñas da cidade, e tamén dos visitantes, será “o centro da actividade ao redor dos libros a partir deste sábado; coas librerías, que ofrecen as novidades editoriais nas casetas habilitadas, pero tamén cunha importante actividade de presentacións, nas que participarán editores e autores, e entre as que haberá contacontos, actividades infantís etc.”, explicou Anxo Lorenzo.
O libro galego, protagonista tamén en Buenos Aires
O secretario xeral incidiu na aposta do Goberno galego por este formato de encontro e de dinamización do sector editorial que ofrecen as feiras do libro, “aquí e fóra de Galicia”. “Esta mesma semana arrancabamos na Feira do Libro de Buenos Aires, un ano máis, co stand da Xunta –precisou–, que sen dúbida este ano prolongará o ronsel de 2016, no que precisamente foi Santiago de Compostela a cidade convidada”. Segundo lembrou, “o libro galego estará tamén nesa cita internacional, ao mesmo tempo que gozamos aquí da feira compostelá”.
Ademais das librarías, e como vén sendo habitual, estará na feira a Biblioteca Pública Ánxel Casal, facilitándolles aos interesados a alta de novos socios da biblioteca e mostrando o seu funcionamento dunha maneira próxima á cidadanía.
Héctor Cajaraville, Alberte Blanco, Antía Yáñez, Manuel Núñez Singala e Lucía Cobo son algúns dos escritores e ilustradores que participarán nesta nova cita das Feiras do Libro de Galicia, que este ano se presentan baixo o lema A ledicia de ler. O lema constitúe unha homenaxe ao protagonista do Día das Letras Galegas 2017, Carlos Casares, que titulaba así unha sección xornalística de recomendacións e comentarios de lecturas.
Un importante espazo dinamizador
As feiras do libro de Galicia son un espazo dinamizador moi importante das localidades nas que se desenvolven”. Na edición de 2017, a Consellería de Cultura e Educación e a Federación de Librarías de Galicia levarán as feiras ata o próximo mes de agosto a un total de 16 municipios, dous máis que na pasada edición.
Próximas feiras
Logo do seu paso por Verín e por Ferrol, o percorrido das feiras do libro de Galicia 2017 polas catro provincias continuará no mes das Letras, despois de Santiago de Compostela, polos concellos do Porriño, do 11 ao 14 de maio; de Lugo, do 16 ao 21 de maio, e de Ourense, do 31 de maio ao 4 de xuño. Redondela celebrará a súa feira do libro entre o 8 e o 11 de xuño e posteriormente terán lugar as feiras de Ribeira, do 22 ao 25 de xuño; de Vigo, do 29 de xuño ao 8 de xullo; de Rianxo, do 20 ao 23 de xullo; de Mondoñedo, entre o 24 e o 26 de xullo; e de Ponteareas, do 27 ao 30 dese mesmo mes. En agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 10; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte de Lemos, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 deste mes estival. O calendario completo pode consultarse na web de Cultura, en www.cultura.gal