Nova: Galicia Escena PRO selecciona 27 compañías galegas para o seu programa de espectáculos e pitching
28/04/2017
Galicia Escena PRO selecciona 27 compañías galegas para o seu programa de espectáculos e pitching
A comisión elixiu 17 producións de teatro, danza, novo circo e maxia, ademais de 10 títulos para a sesión de presentación de proxectos
A Agadic organiza a quinta edición deste mercado das artes escénicas, que terá lugar en Santiago do 12 ao 15 de xuño e na que se exhibirán tamén dúas propostas de Castela e León
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017.- A quinta edición de Galicia Escena PRO ofrecerá en Santiago os novos espectáculos de 17 compañías galegas de teatro, danza, novo circo e maxia, ademais dunha sesión de ‘pitching’ na que outras 10 formacións avanzarán os seus proxectos para a vindeira temporada. Organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) do 12 ao 15 de xuño, o programa do mercado profesional das artes escénicas completarase con dúas montaxes procedentes de Castela e León e cunha serie de actividades paralelas.
O Auditorio Abanca, a Fundación SGAE, o Salón Teatro e o Teatro Principal volverán ser os escenarios deste evento, a través do que a Xunta lles ofrece ás compañías escénicas un espazo para entrar en contacto directo cos representantes dos teatros, auditorios, salas e mostras cara á contratación dos espectáculos que lles darán forma ás súas próximas carteleiras.
Selección
Para a categoría de espectáculos, a comisión de selección elixiu 17 títulos galegos, dos que oito son montaxes teatrais para público adulto: A noiva de Don Quixote, de Eme2 emoción&arte; Castrapo, de Os Náufragos Teatro; Estado de graza, de Teatro do Noroeste; Helena: xuízo a unha lurpia, de Teatro do Atlántico; Normas para saber vivir na sociedade actual, de Sarabela Teatro; Resaca, de IlMaquinario Teatro; Tropical, de Elefante Elegante, e Ubú Rei, de Talía Teatro. A carteleira inclúe, así mesmo, cinco propostas teatrais para público infantil e familiar (A nena que quería navegar, de Redrum Teatro; O faiado, de Teatro ó Cubo; Pum Pum!, de Baobab Teatro; Redondo, de Caramuxo Teatro, e Rubicundo, de Teatro Ghazafelhos), dúas de danza (Emoticores, de Las Tricotouses, e Ulises e a nena durmida. Segunda travesía, de Ánxela Blanco), unha de novo circo (Outono, de Pistacatro Produtora de Soños) e outra de maxia (Íntimo. A viaxe da miña vida, do Mago Teto).
Por terceiro ano consecutivo, Galicia Escena PRO incluirá tamén unha sesión de pitching, para a que foron seleccionadas outras 10 compañías co obxectivo de lles presentar aos programadores inscritos un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos para esta edición son Aguratrat, de Pérez&Fernández; Burlesque Night Show, de Nelson Quinteiro; Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica, de Ibuprofeno Teatro; Chola, a it girl!, de ArtesaCía; Cranios privilexiados... ou a crítica da razón perralleira, de Mofa e Befa; Elisa e Marcela, de A Panadaría; Este es de aire; el otro, de agua, de Masako Hattori; Nacidas libres, de Contraproducións; Os golfiños e o xigante; de Fantoches Baj, e Réquiem para un monicreque, de Os Monicreques de Kukas.
Público profesional e xeral
Este programa foi seleccionado tras a valoración artística das 95 propostas presentadas a ambas modalidades: 68 para a exhibición de espectáculos completos e 27 para a sesión pitching. Estas últimas presentacións serán de acceso exclusivo para os profesionais acreditados, que poderán formalizar a súa inscrición no mercado a partir da próxima semana a través da web www.galiciaescenapro.gal. Pola súa banda, a carteleira de espectáculos volverá abrirse ao público non profesional en función da capacidade dispoñible para cada un dos espazos.
Este ano contarase de novo cunha representación escénica de fóra de Galicia, a través dunha experiencia de colaboración con outras comunidades autónomas que se puxo en marcha o ano pasado con tres espectáculos do País Vasco. Desta volta, serán dúas montaxes de Castela e León as que poderán verse en Santiago grazas á colaboración entre Galicia Escena PRO e a Feria de Teatro de Castilla y León - Ciudad Rodrigo.