Nova: A Gala do Libro Galego 2017 entregará os seus premios o 20 de maio en Santiago de Compostela

27/04/2017

A Gala do Libro Galego 2017 entregará os seus premios o 20 de maio en Santiago de Compostela

Promovido pola AGE, a AELG e a Federación de Librarías co apoio de Cultura, o galardón recoñece a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial, en diversas categorías, como a narrativa, o libro ilustrado e o xornalismo cultural  

Na presentación da gala, Anxo Lorenzo cualificou o sector editorial como “un piar fundamental para a construción simbólica da nosa cultura, para o noso desenvolvemento social e para a economía no ámbito das industrias creativas”

  • Canta connosco, de Kalandraka, está nominado na categoría de Álbum ilustrado

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2017.- A Gala do Libro Galego dará a coñecer os galardoados e galardoadas da nova edición o próximo 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Os detalles da iniciativa déronos a coñecer esta mañá en rolda de prensa os seus promotores, a Asociación Galega de Editoras (AGE), a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), xunto coa Consellería de Cultura e Educación, o Concello de Sasntiago de Compostala e a Deputación da Coruña, que colaboran coa gala.  

Recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia é o obxectivo principal da Gala do Libro Galego 2017, “unha iniciativa excelente para consolidar espazos e intereses compartidos, que permite visibilizar a principal produción literaria máis recente e, ao mesmo, tempo, poñer cada ano vimbios novos para o sector”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que se referiu ao libro como “un piar fundamental para a construción simbólica da nosa cultura, para o noso desenvolvemento social e para a economía no ámbito das industrias creativas”.

Axentes imprescindibles no sector do libro

Segundo salientou Anxo Lorenzo durante a presentación, “o libro e o acceso ás lecturas non serían posible sen un conxunto de factores e axentes que aseguran o seu ecosistema: o autor ou autora que o imaxina e que o escribe, a editora que decide apostar por ese texto, preparalo graficamente cos profesionais correspondentes, e imprimilo; a distribuidora que o coloca nos andeis do mercado; o libreiro ou libreira que aconsella e vende; as institucións que apoiamos ese proceso e que o facilitamos tamén a través das bibliotecas públicas”. “Da colaboración entre todos estes elementos nace a iniciativa que hoxe presentamos”, afirmou.

 

"Moito traballo feito, e ben feito”

Finalmente, malia recordar que queda “moito camiño por andar no ámbito do libro”, amosouse convencido de que iniciativas coma esta serven para facer balance anual e mostrar que hai moito traballo feito e ben feito”, polo que, como afirmou, “seguramente non ha ser fácil para o xurado decidir os premiados de calquera das once modalidades e os premios de honra”.

 

Finalistas

A Gala do Libro Galego inclúe as categorías de ensaio, narrativa, literatura infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede e xornalismo cultural. Ramón Nicolás,

Mercedes Queixas, María Canosa, Isaac Xubín, Antón Riveiro Coello, Manuel Lourenzo, Luz Pozo Garza, Fran Cortegoso, Ana Romaní, Xiana Arias, o Salón do Cómic da Coruña, Chan da Pólvora e o portal Brabádegos son algúns dos autores, xornalistas e proxectos candidatos aos galardóns da Gala do Libro Galego 2017.

Comparte