Nova: A banda deseñada, protagonista na Biblioteca de Vigo na véspera do día do libro

22/04/2017

A banda deseñada, protagonista na Biblioteca de Vigo na véspera do día do libro

O secretario xeral de Cultura participou na entrega de premios do Concurso BD Vigo, nunha xornada na que os guionistas David Braña e Francisco G. González tamén compartiron co público a súa experiencia no mundo do cómic

As bibliotecas e museos de xestión autonómica promoven diversas propostas para conmemorar a celebración do Día do Libro
 

Vigo, 22 de abril de 2017.- A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel tivo  como protagonista, na véspera celebración do Día Internacional do Libro, a banda deseñada. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na entrega de premios do Concurso BD Vigo, un certame promovido polo centro de xestión autonómica baixo a coordinación de María Vilar que chegou esta ano á súa oitava edición.

Os premiados nas diferentes categorías foron Mateo Segovia, Alejandro García, Víctor Castro, Iago Bouzo, Daniel Celada, Jesús Portela, José Marín e Adrián Alonso. Todos eles recibiron a felicitación da directora da biblioteca, Inmaculada Serrano, e do secretario xeral de Cultura, quen tamén puxo en valor o labor das persoas que veñen xerando, a través do obradoiro de cómic da biblioteca, e semana tras semana, “un universo de descuberta e de creatividade arredor da banda deseñada”. “Se aspiramos –dixo– a favorecer persoas afeccionadas á lectura e á arte, nas súas máis diversas linguaxes, debemos reparar nestas dinámicas”.

O secretario xeral engadiu que “na véspera do Día do Libro, no que desde as institucións educativas e da cultura se recorda a importancia de ler, como actividade de pracer pero imprescindible tamén para a nosa formación e evolución como persoas, é moi importante que fagamos públicas iniciativas coma esta”. Finalmente, recordou que “a nosa tarefa, desde a xestión pública, é favorecer que estas cousas sucedan: poñendo ao voso dispor un lugar de encontro e de traballo, favorecendo a incorporación de novos fondos de banda deseñada para as diferentes idades, e animarvos a que sigades avanzando nese camiño de descuberta compartida arredor da creación artística”.

A xornada de celebración do Día do Libro contou tamén cos guionistas David Braña e Francisco García González, que presentaron a súa obra e compartiron co público a súa experiencia no mundo da banda deseñada.

Co gallo do Día do Libro, as bibliotecas e museos de xestión autonómica promoven diversas iniciativas para convidar a cidadanía a conmemorar esta data. Obradoiros, exposicións bibliográficas, liberación de libros, contacontos, sorteos e agasallos para os usuarios e usuarias das bibliotecas son algunhas das propostas que conforman a programación, dispoñible na web de Cultura de Galicia, a través de www.cultura.gal.
 

Comparte