Nova: O CDG estrea Martes de Carnaval

20/04/2017

O CDG estrea Martes de Carnaval

A compañía pública produce o espectáculo integrado por ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, con Marta Pazos na dirección

Tras un primeiro período de exhibición no Salón Teatro, do 20 ao 27 de abril, a montaxe viaxará ata Tui, O Barco de Valdeorras, Ourense, A Coruña, Rianxo, Valencia, Pontevedra e Vigo, para regresar a Santiago do 28 de xuño ao 16 de xullo

  • Imaxe de Martes de Carnaval do día da estrea Imaxe de Martes de Carnaval do día da estrea
  • Imaxe de Martes de Carnaval do día da estrea Imaxe de Martes de Carnaval do día da estrea
  • Román Rodríguez asiste á estrea da obra ‘Martes de Carnaval’ Román Rodríguez asiste á estrea da obra ‘Martes de Carnaval’
  • Román Rodríguez asiste á estrea da obra ‘Martes de Carnaval’ Román Rodríguez asiste á estrea da obra ‘Martes de Carnaval’

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu á estrea da obra ‘Martes de Carnaval’, do Centro Dramático Galego.

A compañía pública produce o espectáculo integrado por ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’ que, con estéticas e ambientacións diferentes, darán conta da vixencia e da valentía da obra de Valle-Inclán. É a primeira ocasión na que soen en galego sobre un escenario as obras de Valle As galas do defunto e A filla do capitán, que integran a proposta da compañía da Xunta de Galicia e reúnen os elementos característicos do esperpento desenvolvido polo gran autor arousán.

A directora escénica é Marta Pazos e conta cun elenco de 10 actores e actrices: Iria Azevedo, Mercedes Castro, Anabell Gago e María Roja, e os actores César Cambeiro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta que dan vida os máis de 30 personaxes que suman As galas do defunto e A filla do capitán. Neste sentido, a posta en escena de Martes de carnaval require dun gran esforzo interpretativo e mesmo físico, así como da rapidez e a precisión técnica en escena e entre bambolinas.

O CDG desenvolverá dous períodos de exhibición na súa sede de Santiago con esta nova produción. Tras a estrea do xoves, poderá verse aquí o venres 21 e o sábado 22, ás 20.30 h, e o domingo 23, ás 18.00 h, así como do luns 24 ao xoves 27 en sesións matinais, ás 10.30 horas, dentro dunha campaña escolar para alumnado a partir de 16 anos de idade. Martes de Carnaval regresará a Compostela para unha segunda estadía no Salón Teatro entre o 28 de xuño e o 16 de xullo. Os billetes para estas funcións xa poden adquirirse a través da web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, ademais de poñerse á venda na billeteira desde dúas horas antes do comezo de cada representación.

Antes de regresar á capital galega, o espectáculo desenvolverá unha xira por outros oito escenarios: Tui (5 de maio no Teatro Municipal), O Barco de Valdeorras (12 de maio no Teatro Municipal Lauro Olmo), Ourense (19 e 20 de maio no Teatro Principal), A Coruña (2 e 3 de xuño no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (9 de xuño no Auditorio Municipal), Valencia (11 de xuño no Teatre Principal, dentro de Festival Tercera Setmana), Pontevedra (15 de xuño no Auditorio Afundación) e Vigo (22 de xuño no Teatro Afundación).

Tras un primeiro período de exhibición no Salón Teatro, do 20 ao 27 de abril, a montaxe viaxará ata Tui, O Barco de Valdeorras, Ourense, A Coruña, Rianxo, Valencia, Pontevedra e Vigo, para regresar a Santiago do 28 de xuño ao 16 de xullo