Nova: Convócanse novas axudas para mellorar os arquivos de Galicia

15/04/2017

Convócanse novas axudas para mellorar os arquivos de Galicia

As subvencións destínanse a actividades de descrición de fondos documentais

Poden optar a elas entes locais e entidades sen fin de lucro que conten cun local destinado a arquivo e que custodien fondos do patrimonio documental de Galicia

O prazo para a presentación de proxectos remata o vindeiro 12 de maio
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2017.- A Secretaría Xeral de Cultura convoca 77.740 euros en axudas para 2017 destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso da cidadanía aos documentos. Concretamente, a finalidade desta liña de subvencións é a realización de actividades de descrición de fondos documentais dos arquivos galegos, para favorecer a protección, a conservación e a difusión do patrimonio documental galego.

Ata o vindeiro 12 de maio poden solicitar estas axudas os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.

A Consellería de Cultura e Educación poderá financiar ata un 80% do custo do proxecto, cunha axuda máxima de 5.000 euros. Este importe ascenderá a 7.000 euros cando se trate de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local.

Os proxectos que se presenten á convocatoria de axudas deberán seguir as recomendacións técnicas de arquivos dispoñibles no portal arquivosdegalicia.xunta.gal. Ademais, o responsable técnico do proxecto será licenciado universitario, ou equivalente, e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

A Orde do 28 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexen a nova convocatoria destas axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos pode consultarse no ‘Diario Oficial de Galicia’, neste enderezo web.

A convocatoria destas subvencións enmárcase nas liñas de actuación que vén desenvolvendo a Consellería de Cultura e Educación para favorecer que os arquivos realicen axeitadamente as súas funcións e que a cidadanía teña acceso á información contida nos documentos, para o que é preciso que estean dotados da infraestrutura e equipamento adecuado, que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.
 

Comparte