Nova: Cinemas de Galicia 2017 arranca con 33 proxeccións de 14 filmes

13/04/2017

Cinemas de Galicia 2017 arranca con 33 proxeccións de 14 filmes

Coordinado por Cultura, o calendario de exhibición arranca este domingo con Ballerina no Teatro da Beneficencia de Ortigueira

Bueu incorpórase como novidade a este circuíto cinematográfico, no que desde este domingo participan tamén As Pontes, Cariño, Celanova, Foz, Ortigueira e O Grove, e ao que se sumarán en setembro Allariz e Cedeira

O catálogo completo, composto por 27 películas galegas e internacionais, supón unha alternativa para ver cine en localidades sen salas comerciais
 

  • O catálogo completo, composto por 27 películas galegas e internacionais, supón unha alternativa para ver cine en localidades sen salas comerciais O catálogo completo, composto por 27 películas galegas e internacionais, supón unha alternativa para ver cine en localidades sen salas comerciais
  • O catálogo completo, composto por 27 películas galegas e internacionais, supón unha alternativa para ver cine en localidades sen salas comerciais O catálogo completo, composto por 27 películas galegas e internacionais, supón unha alternativa para ver cine en localidades sen salas comerciais

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2017.- Seguindo unha liña de consolidación e expansión, Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), comeza este domingo en Ortigueira a súa programación para 2017. Será o inicio da súa primeira fase anual, que se desenvolverá ata xuño tamén en As Pontes, Bueu (que se incorpora como novidade), Cariño, Celanova, Foz e O Grove. Despois do verán sumaranse a esta rede Allariz e Cedeira, polo que ata finais de ano serán nove os concellos nos que se poderán ver os 27 títulos do catálogo.

O filme de animación francés Ballerina será a película que abra Cinemas de Galicia 2017 este domingo, ás 18.00 horas, no Teatro da Beneficencia de Ortigueira. As proxeccións desta primeira quenda sucederanse ata o17 de xuño,día en que está programado o pase da fita Lobos sucios na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove.

Neste período, serán 33 as sesións cinematográficas previstas nos sete concellos iniciais cos seguintes 14 títulos: 100 anos de perdón, de Daniel Calparsoro; 100 metros, de Marcel Barrena; Ballerina, de ÉrinWarin e Éric Summers; Elle, de Paul Verhoeven; Eu, Daniel Blake, de Ken Loach; Lobos sucios, de Simón Casal; María (e os demais), de Nely Reguera; Mimosas, de Oliver Laxe; Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés; Pelerinaxes de Simone Saibene; Psiconautas, os nenos esquecidos, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero; Sicixia, de Ignacio Vilar; Siembra, de Ángela Osorio e Santiago Lozano; e Toro, de Kike Maíllo.

Máis a partir de setembro

Ademais destes títulos, tamén forman parte do catálogo de Cinemas de Galicia outros 13 filmes que serán susceptibles de entrar no circuíto a partir de setembro: Angélica (unha traxedia), de Manuel Fernández-Valdés; Baixo a area, de Martin Zandvliet; Esquece Monelos, de Ángeles Huerta; Franz, de François Ozon; Fuocoammare, de Gianfranco Rosi; Manuel Vilariño. Ser luz, de José Manuel Mouriño; Migas de pan, de Manane Rodríguez; Neruda, de Pablo Larraín; Piedad, de Otto Roca; Pozo amargo, de Enrique Rivero; Toni Erdmann de Maren Ade, Torre de Breoghán, de Jorge Coira; e, por último, Un amor de verán, de Catherine Corsini.

Calidade da programación e aposta polo cine galego

Cómpre destacar que unha parte moi ampla dos filmes que forman a programación deste ano foron galardoados ou nomeados por algúns dos festivais máis importantes do panorama audiovisual internacional.

Do mesmo xeito, moitas das producións galegas presentes no circuíto obtiveron recoñecementos importantes, tales como María (e os demais),que recibiu os Mestre Mateo á mellor película, mellor actriz, son, guión e música orixinal; Mimosas, galardoada tamén nos Mestre Mateo e en festivais como Cannes e Sevilla; Pelerinaxes, premiada nos festivais de Daca, Lorient e Quimper; Psiconautas, mellor película de animación nos Goya e premiada, entre outros, nos festivais de Budapest, Lund, Sofía e Stuttgart; ou Sicixia, que obtivo o premio á mellor actriz no Cinespaña de Toulose.

Cuarta edición

Cunha programación estable dende que se puxera en marcha en 2014, Cinemas de Galicia afronta a súa cuarta edicióncos mesmos obxectivos fundacionais. Por un lado, búscase ofertarlles novas vías de distribución aos filmes galegos e, por outro, incrementar o número de pantallas cinematográficas na nosa Comunidade. Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegarlle a sétima arte en pantalla grande a concellos que non teñen dispoñibles salas comerciais nestes momentos.

A Agadic e as localidades vinculadas asumen ao 50 por cento o gasto dos dereitos de exhibir e proxectar as longametraxes, en tanto que a recadación íntegra pola venda de localidades (que teñen un prezo único de 3 euros) é para os concellos.

Mais información en www.agadic.com/cinemasdegalicia e na Axenda de Cultura de Galicia: www.cultura.gal/gl/axenda
 

Comparte