Nova: Cultura presenta na Pobra do Caramiñal a primeira guía conxunta das casas-museo Valle-Inclán

06/04/2017
Cultura presenta na Pobra do Caramiñal a primeira guía conxunta das casas-museo Valle-Inclán
Anxo Lorenzo destaca o interese da publicación para difundir o legado e a obra do escritor en relación cos municipios de Vilanova de Arousa e da Pobra do Caramiñal
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 6 de abril de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación e o Concello da Pobra do Caramiñal presentaron esta tarde a primeira guía conxunta dos museos Valle-Inclán deste municipio e mais de Vilanova de Arousa, unha obra que tamén inclúe información sobre as rutas valleinclanianas en ambas as localidades.
A sede do Museo Valle-Inclán do municipio coruñés foi o escenario da presentación, na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese da obra para difundir o legado literario e a traxectoria vital do dramaturgo en relación cos dous concellos e coas súas respectivas casas-museo.
“Por primeira vez, unha publicación ofrece unha visión conxunta destas dúas institucións e localidades, vencelladas a través dun dos escritores de referencia da literatura universal”, afirmou o secretario xeral, que participou no acto xunto co alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García, e mais co director do Museo Valle-Inclán neste municipio, Antonio González Millán.
Con contidos sobre as dúas casas-museo integramente anovados, tanto no que se refire aos textos como ás imaxes, a guía da autoría de Antonio González Millán e Rosa Mª Brea Paz, responsables de dirección na Torre de Bermúdez e no Pazo do Cuadrante. A obra, que foi publicada pola Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración cos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, preséntase en versión trilingüe (galego, castelán e inglés), para favorecer a súa interpretación entre os visitantes duns centros onde recalan viaxeiros, excursionistas e escolares de variada procedencia xeográfica.
A guía, na Libraría Institucional da Xunta de Galicia
Ademais dos visitantes das casas-museos, as persoas interesadas tamén poden conseguir a guía solicitándoa a través da páxina web da Libraría Institucional da Xunta de Galicia, en https://libraria.xunta.gal/gl/guia-valleinclaniana-casa-museo-valle-inclan-vilanova-de-arousa-museo-valle-inclan-a-pobra-do, mediante o pago do porte do envío postal.