Nova: O Goberno central prevé que as obras da nova sede do Arquivo Histórico provincial de Ourense rematen este ano

06/04/2017
O Goberno central prevé que as obras da nova sede do Arquivo Histórico provincial de Ourense rematen este ano
O secretario xeral de Cultura, o director xeral de Belas Artes, a delegada da Xunta en Ourense e a directora xeral do Patrimonio Cultural visitaron hoxe o complexo de San Francisco para comprobar os avances das actuacións
O Estado tamén ten previsto iniciar en 2017 as obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, para as que destina este ano 250.000 euros
Os investimentos do Ministerio nos centros de xestión autonómica do arquivo, do museo e da Biblioteca Pública de Ourense superarán os 35 millóns de euros
Ourense, 6 de abril de 2017.- O remate das obras da nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense está previsto para finais deste ano 2017. Así o anunciou o director xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Luis Lafuente Batanero, na visita que realizou ao complexo de San Francisco, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, Carmen Martínez; e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, xunto con membros da corporación.
Ademais do arquivo, as instalacións de San Francisco tamén albergarán a nova sede da Biblioteca Pública de Ourense, para a que están comprometidos 4,2 millóns en 2017 –principalmente para a dotación de equipamento e mobiliario–. A esta contía hai que engadir os 19,6 millóns executados ata a data polo Ministerio para construír as novas sedes destes dous centros, o que suma un investimento de 23,8 millóns.
O secretario xeral de Cultura valorou positivamente os avances dos traballos no complexo de San Francisco para dispoñer o antes posible das novas sedes destes dous equipamentos culturais imprescindibles na cidade de Ourense como son a biblioteca pública e o arquivo histórico provincial, nunhas instalacións e cun equipamento adaptados ás necesidades dos usuarios e usuarias e á actividade que leva a cabo a Consellería de Cultura e Educación nos dous centros.
Inicio da rehabilitación do Museo Arqueolóxico
As actuacións do Ministerio no equipamento cultural para estes centros xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura inclúen tamén a reforma e rehabilitación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), cuxo proxecto contempla un orzamento de licitación de 11,4 millóns de euros. O Ministerio prevé poder iniciar este ano as actuacións de rehabilitación, á espera de que estea modificado o Plan especial de reforma interior (Peri) do Concello de Ourense para obter as correspondentes licenzas e proceder a licitar as obras.
En conxunto, os investimentos do Goberno nas novas sedes do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e da Biblioteca Pública da Ourense, e na rehabilitación do Museo Arquolóxico Provincial de Ourense superarán os 35 millóns de euros.