Nova: Inma López Silva e Valter Hugo Mãe, protagonistas da nova sesión das conversas Nortear

26/03/2017

Inma López Silva e Valter Hugo Mãe, protagonistas da nova sesión das conversas Nortear

Os dous escritores porán en diálogo as literaturas galega e portuguesa o próximo 29 de marzo, ás 18:30 horas, na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra

A xornalista Lara Dopazo Ruibal, gañadora do I Premio Literario Nortear, moderará o encontro, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal
 

  • Inma López Silva Inma López Silva
  • Inma López Silva Inma López Silva
  • O autor portugués Valter Hugo Mãe O autor portugués Valter Hugo Mãe

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2017.- As literaturas galega e portuguesa estreitan lazos na nova sesión das Conversas Nortear, que terá como protagonistas a escritora galega Inma López Silva e mais o autor portugués Valter Hugo Mãe.

Ambos os autores participarán o mércores 29 de marzo, ás 18:30 horas, na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, no marco dun encontro que forma parte do programa Nortear, unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, no ámbito do Memorando de Entendemento celebrado entre as tres entidades.

A nova sesión das conversas –que teñen como obxectivo promover o diálogo cultural entre Galicia e Portugal, e o intercambio de coñecemento das literaturas galega e portuguesa en ambos os territorios–, estará moderada pola xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal, gañadora do I Premio Literario Nortear.

Inma López Silva e Valter Hugo Mãe

Escritora e crítica teatral, a galega Inma López Silva é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Membro dos consellos de redacción dalgunhas das revistas de teatro e de análise política e cultural máis importantes de Galicia, López Silva ten publicadas diversas obras sobre o teatro galego, xunto con e novelas e ensaios, que recibiron diferentes premios, entre eles o Xerais, o Murguía e o Blanco Amor.

Valter Hugo Mãe é un dos máis destacados autores portugueses da actualidade. A súa obra, que está traducida a numerosas linguas, mereceu unha prestixiosa acollida en varios países. Entre os galardóns que recibiu inclúense o Premio Literario José Saramago e o Gran Premio Portugal Telecom ao mellor libro do ano e á mellor novela do ano.

O primeiro encontro das Conversas Notear, que tivo lugar en 2015, contou coa participación da autora Ledicia Costas e do escritor portugués Pedro Guilherme-Moreira. Desde entón, participaron no programa outros nomes recoñecidos das literaturas galega e portuguesa, como son Ramón Caride, Antón Riveiro Coello, Ana Luísa Amaral e mais Olinda Beja.
 

Comparte