Nova: Analízase o papel do arquivo electrónico como vertebrador da Administración electrónica

24/03/2017
Analízase o papel do arquivo electrónico como vertebrador da Administración electrónica
Enmárcase denteo da xornada promovida pola Amtega co apoio da Fegamp e do Consello Superior de Letrados e avogados de Comunidades Autónomas
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017.- O II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica iniciou esta mañá a segunda e última xornada cunha mesa sobre o papel do arquivo electrónico como vertebrador da Administración electrónica, que foi presentada e moderada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
A mesa contou coas intervencións da subdirectora xeral de Arquivos e da xefa do servizo do Arquivo de Galicia da Consellería de Cultura e Educación, Marina García Pita e Mar García Miraz, respectivamente, que presentaron o Arquivo Dixital Integrado da Xunta de Galicia, a través das últimas actuacións realizados ao abeiro do proxecto ARPAD, así como da Lei de arquivos e documentos de Galicia de 2014, coa creación de órganos como o Consello de Avaliación Documental.
O catedrático de biblioteconomía e documentación Pedro López Gómez –que foi director do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, do Arquivo do Reino de Galicia e do Arquivo da Coroa de Aragón, en Barcelona, ademais de promotor de iniciativas como a creación de Anabad– abordou o impacto do novo contorno dixital na formación de arquiveiros e na conservación do patrimonio documental, mentres que Alberto González Fernández.
A primeira mesa da xornada completouse cunha experiencia dos arquivos na Administración local, a cargo de Alberto González Fernández, alcalde de Valdoviño e representante da Fegamp, xunto co alcalde de Foz, no Consello Superior de Arquivos de Galicia.
Avanzando na Admnistración dixital
Promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e co Consello Superior de Letrados e avogados de Comunidades Autónomas, o encontro, que comezou onte na Cidade da Cultura, enmárcase dentro das actuacións do Plan de Goberno Dixital 2020 que vén desenvolvendo a Xunta para consolidar unha Administración dixital e avanzar na coordinación entre as entidades locais, autonómica e estatal para conseguir unha carteira de servizos dixitais de calidade, eficientes e seguros.