Nova: A Agadic convoca as subvencións á produción e coprodución audiovisual 2017

17/02/2017

A Agadic convoca as subvencións á produción e coprodución audiovisual 2017

Mantense a contía destinada a esta convocatoria, para a que o prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata o 17 de marzo

A esta liña de apoio público, a de maior contía dirixida ao sector do cinema e a televisión en Galicia, poden optar longametraxes de ficción en imaxe real, de animación, documentais e curtametraxes, así como películas e series televisivas

Títulos como ‘María (y los demás)’, ‘Migas de pan’, ‘Mimosas’ ou ‘Psiconautas, los niños olvidados’, que no último ano obtiveron importantes recoñecementos para o cine galego, foron cofinanciados pola Xunta a través deste programa de axudas

Santiago de Compostela, 17 de febreiro.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén a dotación de dous millóns de euros para a súa convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego de 2017. Segundo as bases deste ano, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o prazo de presentación manterase aberto desde mañá e ata o vindeiro 17 de marzo.

Ademais da contía global destinada a este programa de axudas, en 2017 continúa vixente a reformulación introducida o ano pasado en canto ao sistema de pagamentos anticipados, encamiñada a reducir a carga financeira que asumen as empresas durante o proceso de produción e as súas dificultades tanto para a obtención de avais como para o acceso ao crédito bancario.

Cinco convocatorias anuais

Esta é a liña de maior contía de todas as axudas públicas dirixidas ao sector do cinema e a televisión en Galicia, que tamén conta con convocatorias anuais da Agadic para festivais e para impulsar o talento audiovisual (actualmente en proceso de resolución), así como para o desenvolvemento de proxectos e para a promoción e difusión en certames de prestixio internacional celebrados fóra de Galicia (que serán convocadas proximamente).

As subvencións publicadas hoxe diríxese ás produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupción dun ano e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. No caso de seren persoas xurídicas, teñen a obrigatoriedade de presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O obxectivo destas axudas é impulsar o audiovisual galego como sector estratéxico na nosa Comunidade, buscando contribuír ao desenvolvemento do seu tecido industrial, así como favorecer a súa vocación internacional a través da colaboración con outras produtoras e empresas de fóra de Galicia. É o caso, por exemplo, de ‘María (y los demás)’, ‘Migas de pan’, ‘Mimosas’ ou ‘Psiconautas, los niños olvidados’, todas elas coproducións con participación galega e realizadas co apoio económico da Agadic, que no último ano teñen acadado importantes recoñecementos para o noso cinema.

Categorías

As bases deste ano volven establecer cinco modalidades de axuda, con cadanseu subapartado para os diferentes tipos de produtos audiovisuais que son obxecto de apoio: longametraxes de ficción en imaxe real (modalidade A), de animación (B), documentais (C), curtas de ficción, animación ou documentais (D) e longas e series para televisión (E).

Na primeira destas modalidades, distínguese entre as longametraxes de autoría galega (aquelas nas que dous dos seguintes profesionais: director, guionista ou produtor executivo –ou só un deles no caso de coproducións internacionais–, conten con máis de dous anos de actividade profesional acreditada en Galicia) e as que, mesmo sen dispoñer desta condición, contribúen a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego e posúen, ao tempo, un especial valor cinematográfico, cultural e social. Nesta categoría valorarase igualmente a vocación e capacidade de internacionalización dos proxectos presentados.

As longametraxes cinematográficas de animación e as documentais con especial valor cinematográfico son o obxecto das modalidades B e C, mentres que a D céntrase no apoio á produción de curtas de autoría e versión orixinal galega, para a que se reservan especificamente 60.000 euros do orzamento total destas axudas.

Por último, a modalidade E destínase a traballos televisivos co obxectivo de impulsar a realización de longametraxes, miniseries e series de ficción, longas documentais e series de animación infantil e xuvenil para seren emitidas por este medio.

O orzamento destinado ás categorías A, B, C e E distribúese en tres anualidades, situando o maior esforzo económico na segunda delas para coincidir co período no que previsiblemente se iniciarán as rodaxes dos traballos subvencionados.