Nova: Veos, Punto de vista, Un bo final e O quinto inverno resultan finalistas do X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

26/01/2017

Veos, Punto de vista, Un bo final e O quinto inverno resultan finalistas do X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

O xurado, integrado por Marta Pazos, Camilo Franco, Fefa Noia, Clara Gayo, Gloria Ferreiro e Ana Romaní,  escolleu catro das 82 obras presentadas

Marta Pazos  dirixirá a adaptación radiofónica das obras finalistas

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2016.- As obras presentadas baixo os lemas Veos, Punto de vista, Un bo final e O quinto inverno serán agora dramatizadas por un equipo de actores e actrices dirixido por Marta Pazos  e emitiranse nos distintos programas da Radio Galega ao longo de dúas semanas. Tras a súa emisión, daranse a coñecer o Premio do Xurado e o Premio da Audiencia, dotados cada un deles  con 3.000 euros.

Abertas as plicas das obras finalistas, as autoras resultaron ser Ana Mª Carreira Varela (‘Veos’),  Avelina Pérez Pérez (‘Punto de vista’), Carolina Alba Castro Estévez (‘Un bo final’) e Eva Ferreira (‘O quinto inverno’).

O xurado do X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está formado pola actriz e  directora da compañía Voadora, Marta Pazos, o crítico de teatro Camilo Franco, Clara Gayo, gañadora da edición anterior, a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, por designación da Secretaría Xeral de Cultura; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do Diario Cultural.

82 obras presentáronse a esta décima edición do Premio de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.

 

Comparte