Nova: O Día da Ilustración 2017 réndelle homenaxe a Álvaro Cebreiro

25/01/2017

O Día da Ilustración 2017 réndelle homenaxe a Álvaro Cebreiro

A Secretaría Xeral de Cultura e a AGPI inician este ano, como novidade, unha serie de homenaxes a autores históricos galegos

As bibliotecas públicas de xestión autonómica organizan obradoiros, exposicións e mostras bibliográficas para celebrar esta data, que coincide co nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro

Perrilla é a autora do cartel de 2017, que está accesible en liña xunto co resto de materiais do Día da Ilustración en www.cultura.gal/dia-ilustracion
 
  • A Secretaría Xeral de Cultura e a AGPI inician este ano, como novidade, unha serie de homenaxes a autores históricos galegos A Secretaría Xeral de Cultura e a AGPI inician este ano, como novidade, unha serie de homenaxes a autores históricos galegos

Santiago, 25 de xaneiro de 2017.- O Día da Ilustración 2017 celébrase nas bibliotecas de xestión autonómica cunha programación especial de actividades para facer partícipe o conxunto da cidadanía desta conmemoración, que se forma parte do Calendario do Libro e da Lectura. Este ano, como novidade, iníciase unha serie de homenaxes a autores históricos galegos que comeza co debuxante, caricaturista e humorista gráfico Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956).

Arredor desta data, que coincide co nacemento de Daniel Rodríguez Castelao, o 30 de xaneiro, as bibliotecas públicas de Ourense e de Lugo, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola e a Biblioteca de Galicia organizan diversas iniciativas, que foron presentadas hoxe en rolda de prensa pola Secretaría Xeral de Cultura e pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Un sector clave

A partir do venres 26 e ata o 31 de xaneiro desenvolveranse nestes centros bibliotecarios diferentes obradoiros de ilustración a cargo de destacados autores e autoras, como Iago García, María Sánchez Lires, Ana Álvarez, Noemí López e Perrilla, que asina o cartel do Día da Ilustración 2017. Ela, xunto con Alberto Guitián e Luis Sendón, tamén membros da AGPI, participaron hoxe na presentación das actividades xunto coa subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou a importancia de dedicarlle unha data á ilustración para poñer en valor a calidade do traballo que se está a realizar en Galicia e tamén para propiciar unha reflexión compartida arredor dela. “Desde a Xunta de Galicia –engadiu– propiciamos que esta celebración dedicada á ilustración, un ámbito clave no sector editorial, estea no calendario do Libro e da Lectura ao pé doutras datas fundamentais para a cultura galega”.

Coñecer de primeira man o labor dos ilustradores e das ilustradoras, así como as técnicas básicas do debuxo; valorar a importancia das imaxes nos contos e incentivar a creatividade de grandes e pequenos son os principais obxectivos destes obradoiros, que comparten cartel con diversas mostras bibliográficas e exposicións. Entre elas destaca ‘Álvaro Cebreiro. O trazo da vangarda’, un exposición coa que a Biblioteca de Galicia lle rende homenaxe ao autor a través dun proxecto que reúne máis de 30 pezas vinculadas coa súa figura –entre libros, publicacións periódicas e manuscritos–, e que se pode visitar ata o próximo mes de marzo no Gaiás.

Materiais en liña

Tamén como homenaxe a Álvaro Cebreiro e co obxectivo de poñer en valor e de dar a coñecer entre a cidadanía o seu legado, a AGPI elaborou un vídeo que está accesible en liña en www.cultura.gal/dia-ilustracion, onde tamén se poden descargar o cartel e mais a programación completa de actividades, que tamén están dispoñibles na Axenda de Cultura de Galicia: www.cultura.gal/gl/axenda.
 
Comparte