Nova: Cuerdas e Einstein-Rosen, curtas gañadoras do PequeFilmes, polo que pasaron unhas 1.500 persoas

16/01/2017

Cuerdas e Einstein-Rosen, curtas gañadoras do PequeFilmes, polo que pasaron unhas 1.500 persoas

Un total de 52 curtametraxes, dirixidas a rapaces de entre 5 e 12 anos, proxectáronse de forma gratuíta na Cidade da Cultura durante toda a fin de semana

  • ‘Cuerdas’ de Pedro Solís e a galega ‘Einstein-Rosen’ ‘Cuerdas’ de Pedro Solís e a galega ‘Einstein-Rosen’

Santiago, 16 de xaneiro 2017.- ‘Cuerdas’ de Pedro Solís e a galega ‘Einstein-Rosen’, de Olga Osorio foron as curtametraxes favoritas do público que participou esta fin de semana na Cidade da Cultura na primeira edición do ‘PequeFilmes’, Festival de Cine Infantil de Galicia.

O festival promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contou coa proxección dun total de 52 filmes –divididos en dúas franxas de idade: de 5 a 8 e de 9 a 13 anos- e unha serie de obradoiros formativos cos que os cativos descubriron de primeira man o funcionamento do cine de animación. Preto de 1.500 persoas se achegaron durante a fin de semana á Cidade da Cultura para participar nesta primeira edición do ‘PequeFilmes’. Tras o visionado das curtas, o público valorou cada un dos filmes co obxectivo de facilitarlle aos pequenos unha primeira experiencia como espectador de cine crítico e curioso, que xere afección de cara ao futuro.

Tras o reconto das valoracións, na franxa de 5 a 8 anos, o público elixiu como a súa curta favorita ‘Cuerdas’, de Pedro Solís, gañadora da mellor Curta de Animación nos Goya 2014. Unha historia de amizade contada cunha tenrura exquisita na que María coñece ao seu novo compañeiro de clase, Nico, un neno con parálise cerebral, e ao que introduce nos seus xogos a través da imaxinación e o enxeño. Pola súa banda, na franxa de 9 a 13 anos, a curta mellor valorada polo público foi ‘Einstein-Rosen’ de Olga Osorio, rodada no Barrio das Flores da Coruña. A curta galega está ambientada no verán de 1982.

Procedentes de todas as partes do mundo, o cartel deste mini-festival contou con curtas recoñecidas nos máis prestixiosos festivais como a noruega ‘Me and my Moulton’, nominada aos Oscar 2015; ‘Juan y la Nube’, Goya á Mellor Curta Animada; ‘The empty’, Gran Premio en Hiroshima e Seúl; ‘Trial & Error’, Platinum Remi Award no World Fest de Houston; ou‘Pawo’, Mellor Película Infantil en Brasilia Animation Festival 2015. Ademais, o festival contará con varias curtas realizadas e producidas en Galicia.
 

Comparte