Nova: Cultura promove o libro galego con 400.000 euros en axudas á tradución e á compra de novidades editoriais

05/01/2017

Cultura promove o libro galego con 400.000 euros en axudas á tradución e á compra de novidades editoriais

O novo sistema en liña de adquisición de obras para as bibliotecas públicas permite que os títulos máis recentes en lingua galega estean ao dispor dos usuarios e usuarias no momento da súa entrada no mercado

As entidades editoras poderán presentar as súas solicitudes á convocatoria bianual de subvencións para a tradución de obras ao galego, e do galego a outras linguas, ata o 6 de febreiro
 

  • O novo sistema en liña de adquisición de obras para as bibliotecas públicas permite que os títulos máis recentes en lingua galega estean ao dispor dos usuarios e usuarias no momento da súa entrada no mercado O novo sistema en liña de adquisición de obras para as bibliotecas públicas permite que os títulos máis recentes en lingua galega estean ao dispor dos usuarios e usuarias no momento da súa entrada no mercado

Santiago, 5 de xaneiro de 2017.- A Secretaría Xeral de Cultura promove o libro galego con 400.000 euros en axudas para a tradución e mais para a adquisición de novidades editoriais con destino á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria das dúas liñas de subvencións, dotadas cada unha delas con 200.000 euros.

Mellorar as coleccións das bibliotecas e axencias de lectura públicas, fomentar a lectura en galego e reforzar os servizos bibliotecarios son os principais obxectivos da liña de axudas para a adquisición de novidades editoriais con destino á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Co novo sistema en liña posto en marcha en 2016, este programa de subvencións garante que os centros bibliotecarios poidan poñer ao dispor dos seus usuarios e usuarias os títulos máis recentes en galego no momento da súa entrada no mercado. Para isto, habilitouse unha plataforma en liña a través da cal o servizo bibliotecario municipal pode xestionar directamente a súa compra de libros entre aqueles títulos que estean incorporados en https://novidadeseditoriais.xunta.gal

Títulos dispoñibles

Todas as empresas editoras que publiquen en galego poden cargar na plataforma as súas novidades editoriais –editadas entre o 1 de setembro de 2016 e o 29 de setembro de 2017– e tamén se encargan da distribución directa dos libros adquiridos a cada beneficiario.

Este programa de axudas está dirixido a todos os concellos de Galicia que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura que estean integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, que conten cun horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais, que cubrisen a estatística de bibliotecas do ano 2015 e que teñan informatizada a súa xestión. Ata o vindeiro 6 de febreiro, os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes para participar no programa.

A contía do importe dos fondos bibliográficos, a que poderá acceder cada beneficiario, determinarase en función do número de habitantes do municipio e vai dos 500 euros, no caso dos que teñan menos de 2.000 habitantes, aos 3.500 euros, para os que conten cunha poboación de máis de 50.000 habitantes.

As bases completas da orde de subvencións poden consultarse en nesta web.

Axudas á tradución

A nova convocatoria de subvencións bianual 2017-2018 para a tradución de libros ao galego, e do galego a outras linguas, está dirixida a entidades editoras, que tamén poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro día 6 de febreiro. Para a valoración dos expedientes, unha comisión avaliadora terá en conta diferentes criterios, como o número de edicións da publicación que se vai traducir, a actualidade da obra, a vixencia dos dereitos de propiedade intelectual, o currículo da persoa responsable da tradución, o interese do proxecto para a cultura galega e o plan de distribución da obra, xunto coa súa viabilidade.

O orzamento total de 200.000 euros distribúese en 120.000 euros para a tradución desde outras linguas ao galego e en 80.000 euros para a tradución desde a lingua galega a outros idiomas. A contía máxima das axudas por obra non superará en ningún caso os 6.000 euros.

Pode consultarse neste enderezo web.

Apoio ao libro galego

Con estas dúas liñas de subvencións, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia o sector editorial galego, ao tempo que incide no fomento da lectura, na actualización das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e na mellora dos servizos bibliotecarios, na difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e no intercambio cultural, a través do acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutras linguas.
 

Comparte