Nova: A Agadic destina 600.000 euros ás axudas á produción escénica para 2017

30/12/2016

A Agadic destina 600.000 euros ás axudas á produción escénica para 2017

Mantén o orzamento desta liña de subvencións, así como as súas modalidades para compañías de nova creación e espectáculos de pequeno, mediano e gran formato

O prazo de solicitude estará aberto ata o 30 de xaneiro
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións á produción escénica, coas que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) avanza na convocatoria do seu programa de axudas ao sector cultural para 2017. Esta liña de apoio mantén a súa dotación de 600.000 euros, que o ano pasado foron adxudicados a 29 compañías para a realización doutros tantos espectáculos. As bases establecen como finalidade destas subvencións o fomento da produción escénica, en calquera das súas disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade en Galicia cuxas propostas se estreen entre o 1 de abril de 2017 e o 1 de marzo de 2018. Especifícase, así mesmo, que a produción dos espectáculos deberá iniciarse no exercicio 2017. Catro categorías Mantéñense as catro modalidades das convocatorias anteriores, segundo se trate de montaxes levadas a cabo por compañías de nova creación e que non superen os 20.000 euros de orzamento; espectáculos de pequeno formato (ata tres intérpretes) que non excedan os 30.000 euros; de mediano formato (con entre catro e sete intérpretes) e que non contemplen máis de 60.000 euros de orzamento; e espectáculos de gran formato (compostos por máis de sete actores e actrices, manipuladores, bailaríns ou músicos en escena) e que non rebasen os 80.000 euros. O obxectivo destas subvencións é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. Insírense, ás súa vez, no programa anual de axudas da Agadic ao conxunto das industrias culturais galegas que, no caso concreto da actividade escénica, se completa coa convocatoria para salas privadas de exhibición –publicada o pasado día 23– e as destinadas a festivais e a distribución de espectáculos, que serán publicadas nos vindeiros meses. O prazo de presentación de solicitudes para optar ás subvencións á produción escénica dará comezo mañá e manterase aberto ata o 30 de xaneiro de 2017.

Comparte