Nova: A novela gañadora do Premio Planeta 2016 tradúcese ao galego

28/12/2016

A novela gañadora do Premio Planeta 2016 tradúcese ao galego

Todo isto che darei está vinculada a Galicia, tanto pola orixe da autora, Dolores Redondo, como pola trama da novela, ambientada na Ribeira Sacra

Monforte de Lemos (Lugo), 27 de decembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na presentación da tradución ao galego de 'Todo isto che darei', coa que Dolores Redondo gañou o Premio Planeta 2016. Ao acto, que contou coa presenza da propia autora, tamén asistiron o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; o alcalde de Monforte, José Tomé; o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros.

'Todo isto che darei' é unha novela negra que ten unha dobre vinculación con Galicia, tal como explicou o conselleiro Román Rodríguez. Dunha banda polas orixes da propia autora (con antepasados paternos en Pontevedra e coa súa avoa materna en Corme), e pola propia trama, ambientada na Ribeira Sacra. O conselleiro salientou precisamente a importancia que ten a elección do espazo dunha novela na promoción turística e cultural e na dinamización económica dunha zona concreta. Neste senso destacou que a novela de Dolores Redondo reflicte a esencia da Ribeira Sacra, un espazo no que se sintetizan natureza, paisaxe, arte e traballo na terra; e sobre o que a Consellería está a traballar para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Tras agradecer a Dolores Redondo esta obra, Román Rodríguez lembrou que é o cuarto Premio Planeta –un dos máis prestixioso do panorama nacional– vinculado con Galicia, e que previamente recibiron Fernando Bermúdez de Castro, Torrente Ballester e Camilo José Cela.

Comparte