Nova: Culturgal acolle a presentación do programa Nortear para o intercambio cultural entre Portugal e Galicia

03/12/2016
Culturgal acolle a presentación do programa Nortear para o intercambio cultural entre Portugal e Galicia
Ledicia Costas, a primeira autora galega que participou no ciclo de conversas Nortear, e mais a xornalista Lara Dopazo Ruibal, gañadora fo I Premio Literario Nortear, participaron nesta presentación
Pontevedra, 3 de decembro de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou en Culturgal o programa Nortear de intercambio cultural entre Portugal e Galicia, xunto con representantes da Dirección Rexional do Norte de Portugal e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal. Tamén interviron a escritora Ledicia Costas, a primeira autora galega que participou no ciclo de conversas Nortear, e mais a xornalista Lara Dopazo Ruibal, gañadora fo I Premio Literario Nortear para a mocidade de ambas as beiras do Miño.
Hai que lembrar que xa está convocado o III Premio Literario Nortear. Pódense consultar as bases no web de www.cultura.gal, na sección de #Servizos: www.cultura.gal/gl/premio/27649
Nesta mesma xornada, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou tamén Culturgal. A Consellería de Cultura e Educación é a principal entidade patrocinadora desta Feira que xa vai pola súa novena edición. A Xunta conta cun stand institucional no que ofrece información sobre os principais programas desenvolvidos por este departamento co fin de difundir a imaxe da cultura galega como motor social e económico.
Ademais de ser un encontro para profesionais do sector, o evento está aberto ao público en xeral, polo que o conselleiro animou á cidadanía a achegarse esta fin de semana ao Pazo da Cultura da cidade, onde durante tres días se concentran unhas 120 actividades culturais dirixidas a todos os públicos e que abranguen concertos, recitais, presentación de libros, películas, artes plásticas, artes escénicas, exposicións, produtos audiovisuais e programacións infantís, entre outros.
Na súa visita a Culturgal, o conselleiro estivo acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e do director da Agadic, Jacobo Sutil.