Nova: Compromiso de Patrimonio na posta en valor do cuartel de San Fernando (Lugo)

01/12/2016
Compromiso de Patrimonio na posta en valor do cuartel de San Fernando (Lugo)
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural leva investido máis de 45.000 euros neste Ben de Interese Cultural
Santiago, 1 de decembro de 2016.- A directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, explicou no Parlamento o compromiso coa salvagarda e posta en valor do Cuartel de San Fernando e pediu a colaboración e corresponsabilidade das distintas Administracións implicadas para analizar con realismo respecto das posibilidades as mellores opcións para a cidade, sobre a posta en marcha do Centro de Interpretación e Museo da Romanización en Galicia.
A directora xeral subliñou que no período 2009-2016 o investimento realizado pola Dirección Xeral de Patrimonio neste inmoble “ascende a máis de 450.000 euros, tan só en actuacións relacionadas cos mínimos traballos de conservación e os custos de redacción do proxecto para a súa rehabilitación.” Así mesmo, Martínez Ínsua lembrou o compromiso coa salvagarda e posta en valor deste inmoble, de titularidade municipal, e que a propia Xunta declarou Ben de Interese Cultural en 2009, ofrecéndolle así o máximo grao de protección legal.
Por ese motivo realizáronse e financiáronse no Cuartel diversas actuacións de estudo, conservación e mantemento, así como a redacción do correspondente Proxecto de rehabilitación para a instalación do Centro de Interpretación e Museo da Romanización. A última actuación de mantemento foi levada a cabo este mesmo ano, e acometida conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, cun investimento total de 180.000 euros dos que Patrimonio achegou o 50%, 90.000 euros.
Martínez Ínsua concluíu a súa comparecencia lembrando que, no caso de Lugo, non se deben sementar dúbidas sobre o compromiso do departamento de Patrimonio do Goberno autonómico coa cidade. Estamos ante un dos concellos de Galicia cun maior investimento por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cun total de 4.300.000 euros no período 2009-2016.