Nova: Preséntanse os dous volumes dedicados a Ourense da Enciclopedia do Románico

30/11/2016
Preséntanse os dous volumes dedicados a Ourense da Enciclopedia do Románico
Cultura destaca a magnitude da obra e a súa capacidade para achegar a arte románica galega ao gran público, creando conciencia inmenso do valor colectivo do noso patrimonio
Ourense, 30 de novembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou no Salón Nobre do Liceo os dous volumes editados pola Fundación Santa María la Real e dedicados ao patrimonio románico de Ourense. Senllos volumes recollen os estudos de 180 monumentos representativos deste estilo medieval na provincia e forman parte da ‘Enciclopedia del Románico en Galicia’. Compendio que conta xa con 4 volumes publicados, os correspondentes ás provincias de Pontevedra (2) e A Coruña (2), e que se espera poder completar con tres entregas máis para a provincia de Lugo.
Así mesmo, esta obra forma parte da ‘Enciclopedia del Románico en la Península Ibérica’, un gran proxecto editorial recoñecido co premio Europa Nostra, que abarca un total de 48 tomos e contribúe á difusión internacional do conxunto do románico ibérico.
Na presentación, Román Rodríguez resaltou a magnitude da obra e a súa capacidade para achegarlle ao gran público a arte románica que se estende por toda Galicia, que define e caracteriza á nosa terra. Ademais, o titular de Cultura valorou a capacidade deste tipo de traballos de investigación para crear conciencia, aumentando o orgullo e recoñecemento sobre o gran valor colectivo do noso patrimonio. Finalmente, o conselleiro aludiu ao valor universal do románico en Galicia, lembrando a excelencia representada polo Mestre Mateo que, desde este luns, se exhibe de xeito monográfico no Museo do Prado.
No acto participaron, ademais do conselleiro, o presidente da Fundación Santa María La Real del Patrimonio Histórico, José María Pérez, “Peridis”; o presidente do Consejo de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o Bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández Fernández; o director de área de Negocio de CaixaBank en Ourense, Fernando Garza; do delegado de Red Eléctrica de España en Galicia, Carlos González; e do coordinador científico dos traballos, José Carlos Valle.
Enciclopedia del románico en Galicia
Os dous volumes presentados hoxe foron coordinados por José Carlos Valle Pérez, do Museo de Pontevedra, e por José Ramón Soraluce Blond, da Universidade de A Coruña. Ambos dirixiron un amplo equipo integrado por historiadores e arquitectos, que, tras varios anos de traballo na provincia, de investigación e estudios previos, conseguiron documentar un total de 180 bens románicos repartidos por 166 poboacións.
En todos os casos, o lector poderá encontrar información acerca da localización da peza ou vestixio, a súa historia e evolución. Do mesmo modo, sempre se recollen fotografías dos elementos máis destacados e planimetrías do monumento en cuestión, para permitir unha mellor comprensión e análise. Ademais da catalogación de monumentos, ordenados alfabeticamente e por localidades, os tomos de Ourense inclúen tres estudios previos que nos permiten afondar en aspectos como as características da provincia na Idade Media, a arquitectura ou a escultura románica.