Nova: María do Cebreiro, Uxía e Alberte Pagán, entre os galardoados cos Premios da Crítica Galicia 2016

19/11/2016

María do Cebreiro, Uxía e Alberte Pagán, entre os galardoados cos Premios da Crítica Galicia 2016

Blanca Roig, Gabriel Tizón, Teatro do Atlántico, Observatorio da Mariña pola Igualdade e Artesán da Pesca completan o elenco de premiados

Vigo, 19 de novembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, afirmou que a cultura é un eixo vertebrador e elemento xerador de pontes para o entendemento e para o respecto á diversidade. “A cultura fainos mellores como individuos e como país”. Fíxoo na entrega dos Premios da Crítica Galicia 2016, uns galardóns que teñen como obxectivo o de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación do país. De feito, nas súas 39 edicións estes galardóns recoñeceron o traballo de destacadas figuras e iniciativas, exemplo da diversidade e riqueza cultural do país.

Os Premios da Crítica Galicia 2016 premiaron o labor de María do Cebreiro, con 'O deserto', na modalidade de Creación literaria; de Blanca Roig, con 'Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega', na de Investigación, de Uxía na de Música, do Observatorio da Mariña pola Igualdade na de Iniciativas culturais e científicas, do fotógrafo Gabriel Tizón na de Artes plásticas, de Teatro do Atlántico na de Artes escénicas, de Alberte Pagán na de Cine e Artes audiovisuais; e de Artesáns da Pesca na de Cultura gastronómica.

Galicia diversa

O conselleiro felicitou aos creadores destes galardóns e aos xurados participantes, por manter vivo un proxecto que fornece de ilusión aos creadores galegos e a todos os que traballan en prol da cultura. Así mesmo salientou que os Premios da Crítica demostran que se pode vivir no respecto das diferenzas, procurando espazos de encontro para todas as sensibilidades culturais e artísticas que se desenvolven en Galicia.

Román Rodríguez lembrou con orgullo o ano 2000, no que el mesmo recibiu este recoñecemento na modalidade de Investigación, e transmitiu os seus parabéns tanto aos galardoados deste 2016 como a todos os que foron distinguidos desde 1978, figuras e institucións que enriquecen o acervo cultural de Galicia no pasado e no presente.

Asemade, quixo facer balance do intenso ano vivido no ámbito cultural, un 2016 no que Manuel María foi homenaxeado nas Letras Galegas, no que se conmemorou o centenario das Irmandades da Fala, e do nacemento de Camilo José Cela, o cento cincuenta aniversario do nacemento de Valle-Inclán e outras efemérides como a de Borobó ou o poeta Garcés; e no que xa se comeza a preparar a homenaxe a Carlos Casares.

Ademais do conselleiro participaron no acto o presidente da Fundación Premios da Crítica de Galicia, Bieito Ledo Cabido; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entre outras autoridades.
 

Comparte