Nova: O simposio Repensando Galiza afonda no legado das Irmandades da Fala

15/11/2016

O simposio Repensando Galiza afonda no legado das Irmandades da Fala

A iniciativa desenvolverase do 17 ao 19 de novembro no Museo do Pobo Galego co apoio da Consellería de Cultura e Educación

Ata o 17 de xaneiro, a Biblioteca de Galicia percorre a historia das Irmandades cunha exposición bibliográfica de máis de 60 pezas, entre as que destacan manuscritos, debuxos e fotografías que pertenceran a Camilo Díaz Baliño

  • Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala
  • Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala
  • Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala
  • Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala Anxo Lorenzo participou na presentación do simposio sobre as Irmandades da Fala

Santiago, 15 de novembro de 2016.- O simposio ‘Repensando Galiza: as Irmandades da Fala (1916-1931)’ ofrece na capital galega, do 17 ao 19 de novembro, un marco para o debate e a reflexión arredor do labor impulsado polas Irmandades, coincidindo co centenario do seu nacemento. Trátase, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “dunha das actuacións máis ambiciosas da programación do Ano das Irmandades, dentro daquelas dirixidas a afondar e a actualizar os estudos e o debate académico das Irmandades na súas diversas vertentes”.

Durante a rolda de prensa de presentación do simposio, que tivo lugar esta mañá no Museo do Pobo Galego –organizador da iniciativa, xunto co Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega e ‘Murguía, Revista Galega de Historia’–, o secretario xeral destacou “a extensa programación que se vén desenvolvendo, deseñada e desenvolvida desde a colaboración institucional, co obxectivo de difundir e valorar o labor impulsado polas Irmandades da Fala, co gallo do seu centenario”.

A Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, colabora co simposio, cuxo programa foi presentado na rolda de prensa polo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, membro do comité organizador, xunto con Xosé Manuel González Reboredo, que tamén participou no acto. A través de diversas sesións, o simposio abordará durante tres días aspectos centrais arredor do papel das Irmandades, vinculados coa evolución do pensamento, das ciencias, da literatura, da lingua, da acción política, da dimensión mediática, da económica, da social, da clave de xénero etc.

“Penso que vai ser unha oportunidade excelente para retomar estes fitos das Irmandades e mesmo para escoitar a música do seu tempo, que tamén vai estar presente como broche final”, dixo Anxo Lorenzo en alusión ao concerto Tres Estampas Galegas, que terá lugar no marco do simposio. Julio Cabo, o director musical, presentou a actuación, que se celebrará o venres 18, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

As Irmandades na Biblioteca de Galicia
No marco da programación promovida pola Xunta de Galicia arredor do centenario das Irmandades, a Biblioteca de Galicia percorre desde hoxe a historia desta institución a través dunha exposición bibliográfica que poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o vindeiro 17 de xaneiro. Conformada a partir dos fondos da súa colección, a mostra inclúe máis de 60 pezas, entre as que destacan os manuscritos, debuxos e fotografías que pertenceran a Camilo Díaz Baliño, membro destacado das Irmandades, e que se conservan no fondo depositado na Biblioteca de Galicia polo seu fillo Isaac Díaz Pardo.

Baixo o título ‘Irmandades da Fala: falar e escribir en galego’, a mostra estrutúrase en diversos apartados dedicados ás orixes das Irmandades, ao seu ideario, ás iniciativas impulsadas nos ámbitos do teatro e da edición, así como ao Seminario de Estudos Galegos, con obras publicadas pola institución como ‘As cruces de pedra na Bretaña’, de Castelao.

Manuscritos de Manuel Lugrís Freire e de Antón Villar Ponte, exemplares de libros editados polas imprentas Céltiga, Lar e Nós, un debuxo orixinal de Camilo Díaz Baliño para a portada da publicación ‘A Nosa Terra’ e fotografías das escenografías que el elaborara para a obra ‘O Mariscal’, publicada por Lar en 1926, son algúns dos volumes e documentos que se exhiben ata o 17 de xaneiro na Biblioteca de Galicia.

Comparte