Nova: A programación conmemorativa do Ano Llull ofrece na capital de Galicia unha xornada centrada no pensador e escritor

10/11/2016
A programación conmemorativa do Ano Llull ofrece na capital de Galicia unha xornada centrada no pensador e escritor
A área de Filoloxía Catalá da USC organiza unha xornada no marco do 700º aniversario do seu pasamento
Anxo Lorenzo destaca o labor pioneiro de Ramon Llull no uso das linguas vernáculas para difundir a ciencia e o pensamento
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2016.- A programación conmemorativa do Ano Llull ofrece esta tarde na capital de Galicia unha xornada centrada no pensador e escritor mallorquino, do que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou “o seu labor pioneiro no uso das linguas vernáculas ao servizo da difusión da ciencia e do pensamento”.
Durante o acto de inauguración da xornada, que se enmarca na celebración do 700º aniversario do pasamento de Ramon Llull, o secretario xeral recordou que o escritor e pensador foi “un referente na utilización do catalá, así como tamén na formación dun catalán literario e mais na evolución do propio idioma”, en alusión ao seu papel na creación de neoloxismos.
“Llull –afirmou– foi un auténtico avanzado ao seu tempo, un home de mundo cunha mentalidade aberta e adiantada en ámbitos tan diversos como a filosofía, a teoloxía, a ciencia e ou as linguas e un autor en extremo prolífico”. As principais vertentes nas que afondou Llull serán abordadas na xornada de hoxe, “que vai servir para presentar e volver na capital de Galicia sobre moitos dos logros froitos do seu inxente traballo”.
“Hoxe celebramos poder sumarnos a esta homenaxe coa que recuperamos unha figura coma esta do pasado cultural, pero tamén un referente para seguir como Norte das travesías que están por vir na valoración das nosas linguas, na importancia da tradución como ponte para o diálogo entre as distintas culturas, na necesidade de abrirmos a nosa comunicación ao plurilingüismo e na idea de compartir abertamente os avances e progresos na ciencia e en calquera outra orde do pensamento”, concluíu.
Ramon Llull na erudición e investigación galegas
A área de Filoloxía Catalá (departamento de Filoloxía Galega) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa colaboración do Institut Ramon Llull e mais do Consello de Cultura Galega, organizan esta xornada, que se celebra ao longo da tarde no salón nobre do Colexio de Fonseca.
A conferencia ‘Libros, viaxes e disputas: aproximación a Ramon Llull’, de Joan Santanach (comisario do Any Llull e profesor da Universitat de Barcelona), abriu o programa da xornada, que tamén contará cunha conferencia do profesor Josep Lluís Martos e coa mesa redonda ‘Ramon Llull na erudición e investigación galegas’. O recital poético ‘El verger de l’amat’, a cargo da actriz Montse Germán e do músico Ferran Pisà, a partir do Llibre d’amic e amat de Ramon Llull, poralle o peche á xornada.