Nova: O espectáculo Revolta estrea o renovado auditorio Manuel Dopazo de Silleda

05/11/2016

O espectáculo Revolta estrea o renovado auditorio Manuel Dopazo de Silleda

Con este gala, organizada polo Concello de Silleda, inauguráronse as melloras dotacionais, escénicas e de accesibilidade deste auditorio

A Consellería de Cultura achegou, a través da liña de subvencións a equipamentos, preto de 12.000 euros

 

Silleda (Pontevedra), 5 de novembro de 2016.- O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu esta tarde á gala para estrear as obras e novas dotacións coas que se mellora esta importante infraestrutura cultural dezá. Baixo o nome de ‘Revolta’ celebrouse un espectáculo no que estiveron implicados todos os grupos e colectivos culturais de A Bandeira.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegou 11.771 euros, a través da liña de subvencións a equipamentos, para a mellora das instalación e locais empregados para a realización de actividades culturais en Galicia. Este investimento foi empregado na mellora da accesibilidade e aspectos dotacionais e escénicos, o que permitirá unha mellora cualitativa e cuantitativa da programación cultural do Auditorio, así como das aulas de formación.

O conxunto das obras realizadas, cofinanciadas polo Concello de Silleda e a Xunta de Galicia, inclúen a construción dun baño adaptado no recibidor, a colocación dun elevador para o escenario e as melloras da dotación de son e iluminación. Ademais, procedeuse á mellora estética das aulas, realizando o pintado das mesmas e dotándoas de cortinas.

Mellora das dotacións culturais de Silleda

Ademais desta actuación, o pasado mes de setembro, a Xunta e o Concello de Silleda asinaron un convenio de colaboración para o acondicionamento e mellora do centro cultural Vista Alegre de A Bandeira, outro dos referentes na dinamización social e cultural para o conxunto da comarca do Deza. Con esta actuación dáse resposta á necesidade de rematar este equipamento para satisfacer as necesidades que, en materia sociocultural, teñen os habitantes de Silleda.

Ao abeiro deste convenio, a Consellería participa na rehabilitación da segunda planta cunha achega de 21.780 euros que permitirá a súa completa posta en funcionamento e así ofrecer un servizo de calidade e a realizar un maior número actividades culturais e exposicións.
 

Comparte