Nova: O XIII Encontro Galego de Ilustración reúne en Santiago de Compostela destacados profesionais do sector

29/10/2016

O XIII Encontro Galego de Ilustración reúne en Santiago de Compostela destacados profesionais do sector

O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle hoxe a décima terceira edición deste espazo para a formación e a reflexión promovido pola AGPI

O secretario xeral de Cultura salientou no acto de apertura a alta calidade da produción galega actual de deseño e de ilustración
 

  • XIII Encontro Galego de Ilustración XIII Encontro Galego de Ilustración
  • XIII Encontro Galego de Ilustración XIII Encontro Galego de Ilustración
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de apertura do XIII Encontro Galego de Ilustración O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de apertura do XIII Encontro Galego de Ilustración

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou esta mañá no acto de apertura do XIII Encontro Galego de Ilustración a alta calidade que caracteriza a produción galega actual de deseño e de ilustración, cun traballo que “enriquece o noso universo de imaxe e a construción visual da cultura galega”.

O secretario xeral de Cultura deulles a benvida aos participantes neste encontro sectorial promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) que reúne hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea da capital de Galicia, algúns dos ilustradores máis destacados do panorama internacional, así como profesionais doutros sectores afíns, como o editorial, o do deseño, o da publicidade e o da animación.

Unha espazo para a formación e a reflexión

Este encontro constitúe, segundo afirmou Anxo Lorenzo, “unha ocasión para a formación e a reflexión, que vos permite mantervos conectados e ao día nos proxectos, coa asistencia de voces importantes no voso ámbito”. Na xornada deste ano participan o galego Xosé Vizoso, “unha das firmas probablemente máis asentadas no noso imaxinario colectivo, vinculado a Sargadelos”, e o deseñador madrileño Ignacio Maroto ‘Bambinomonkey, que falará sobre a súa experiencia como deseñador de personaxes no ámbito da animación e da publicidade.

O XIII Encontro Galego da Ilustración vén contando coa apoio do Goberno galego a través do convenio de colaboración entre a AGPI e a Consellería de Cultura, que este ano tamén inclúe a campaña ‘Guía ninja do ilustrador’, unha iniciativa de divulgación, dirixida especialmente a estudantes e ilustradores noveis, sobre os aspectos legais, profesionais e de mercado nos que se desenvolve actualmente a ilustración.
 

Comparte