Nova: O Museo Massó de Bueu divulga o seu patrimonio marítimo e industrial na súa primeira guía

29/07/2014

O Museo Massó de Bueu divulga o seu patrimonio marítimo e industrial na súa primeira guía

Cunha traxectoria de máis de 80 anos, o museo achégalle á cidadanía nesta obra o valor dunhas coleccións únicas e a singularidade dun patrimonio cultural que ten a súa orixe na colección formada durante anos pola familia Massó

Instrumentos de navegación, maquetas de barcos históricos, obxectos arqueolóxicos e incunables son algunhas das pezas que conforman a exposición permanente

Desde a nova páxina web de Museos de Galicia, museos.xunta.es, pódese realizar unha visita virtual polo museo a través das súas salas

  • Latas de conservas Latas de conservas
  • Mulleres na fábrica limpando sardiñas Mulleres na fábrica limpando sardiñas
  • Prensa de salgadura Prensa de salgadura
  • Sala expositiva Sala expositiva

Santiago, 29 de xullo de 2014.- O Museo Massó da Consellería e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria divulga o seu legado coa publicación da súa primeira guía, unha obra que, ademais de facilitar a visita á exposición permanente, lle achega á cidadanía o patrimonio marítimo e industrial a través da historia do museo, do proceso de conquista do mar e da explotación dos seus recursos.

A partir dunha visión global do centro museístico, a guía, que se presenta baixo o título Museo Massó. O museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas, reflicte boa parte da formulación conceptual e os principios básicos da institución, os aspectos que definen a súa singularidade e especificidade, así como a natureza dunhas coleccións únicas e dun patrimonio cultural de gran valor.

Primeiras cartas náuticas das costas galegas
O patrimonio marítimo e industrial conviven co espírito erudito do coleccionismo doutra época na exposición permanente do Museo Massó. O seu percorrido iníciase na sala dedicada á navegación e a aquelas disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval que fixeron posible o seu desenvolvemento e o do comercio marítimo.

A exposición desta sala, que se aborda no apartado da guía que leva por título ‘A conquista do mar’, integra unha interesante colección de incunables e libros antigos especializada en temas marítimos e navais, na que se inclúen libros como Seesviegel, de Willem Jansz Blaeu (Ámsterdan, 1623), con algunhas das primeiras cartas náuticas das costas galegas; o tratado astronómico de Ptolomeo e un manual de pilotos de 1545, de Pedro de Medina, que foi o máis popular en Europa nos séculos XVI e XVII. Tamén se detallan na guía diversos instrumentos que amosan o paso da navegación astronómica á científica, como cuadrantes horarios, reloxos de sol e compases náuticos, entre outros.

No apartado ‘Explotación dos recursos do mar’, a guía percorre a exposición das salas situadas na planta baixa do museo. Partindo dunha sección dedicada á factoría de salgadura e o taller de ánforas do depósito romano de Pescadoira (Bueu), o discurso céntrase na actividade industrial da familia Massó: as fábricas de salgadura e de conservas e a factoría baleeira.

Materiais da factoría de salgadura romana
Basas e fragmentos de fustes de columnas romanas dos séculos II e III xunto cun coitelo con mango de óso tamén desta época son algúns dos materiais da factoría de salgadura romana que se conservan no museo e que se inclúen na guía. A publicación tamén destaca unha prensa do século XIX para a extracción da graxa das sardiñas, unha máquina troqueladora para realizar fondos e tapas de latas, un caixón de medida para a descarga do peixe, unha mesa na que inicialmente se soldaban a man as latas, fotografías antigas da actividade da empresa e diversos bosquexos para carteis publicitarios e os deseños das latas e dos seus estoxos.

O percorrido expositivo do museo continúa na fábrica de salgadura do século XIX que formaba parte do complexo industrial Massó e foi recuperada recentemente, para finalizar na nave onde se expoñen as embarcacións. Ademais, a experiencia museística esténdese polo ámbito inmediato co peirao das embarcacións tradicionais e o motopesqueiro Caneliña, que forma parte da colección do museo, a carpintería de ribeira e o resto das instalacións e embarcacións dun xenuíno e activo porto pesqueiro.

As orixes do museo
O Museo Massó encóntrase instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, nas inmediacións do porto de Bueu, na ría de Pontevedra e en pleno corazón da península do Morrazo. A idea de crear un museo foi suxerida por Guillermo Marconi durante a visita que realizou en 1928 á fábrica de conservas Massó. No domicilio da familia quedou sorprendido pola colección de instrumentos de navegación, documentos e libros antigos, obxectos curiosos e maquetas de barcos históricos. Seguindo o seu consello, os irmáns Massó levantaron unha planta sobre o máis antigo edificio da fábrica, e en 1932 nacía o Museo Massó.

Co tempo, os testemuños das factorías conserveira e baleeira e a actividade pesqueira foron completando o perfil do museo. En 1994, despois do peche da fábrica, o museo foi adquirido pola Xunta de Galicia.

Visita virtual
Hoxe, o espírito erudito do coleccionismo doutra época convive no Museo Massó co patrimonio marítimo e industrial, accesible a través dunha visita virtual desde a nova páxina web de Museos de Galicia, en museos.xunta.es.

 

Comparte