Nova: As obras de mellora arqueolóxica no Castro de Viladonga, en Outeiro de Rei, comezarán en outubro

30/09/2016

As obras de mellora arqueolóxica no Castro de Viladonga, en Outeiro de Rei, comezarán en outubro

Cultura acaba de contratar os traballos de escavación, acondicionamento e consolidación deste xacemento por un importe de 113.400 euros

Santiago, 30 de setembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de contratar os traballos de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga, no concello lucense de Outeiro de Rei, por un importe de 113.400 euros (IVE incluído), cofinanciados nun 80% por fondos FEDER, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Os traballos, -que está previsto que se inicien ao longo do vindeiro mes de outubro e que continuarán en 2017-, contemplan actuacións integrais en amplos espazos da croa do xacemento, que presentan un estado de conservación máis deteriorados e que, por tanto, precisan actuacións que garantan a súa conservación futura así como facilitar a accesibilidade e a seguridade dos visitantes.

Neste senso, levaranse a cabo traballos de roza e limpeza tanto manual como mecánica para a retirada de vexetación, escavación arqueolóxica nas áreas obxecto da actuación e limpeza e consolidación das estruturas. Así mesmo procederase ao acondicionamento destas áreas co fin de garantir a preservación e a máxima protección das estruturas, e mellorar a súa visibilidade e o acceso para os visitantes. Tamén se desenvolverán actividades de divulgación e actualización dos contidos dos paneis informativos do xacemento.

O Castro de Viladonga está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) na súa categoría de Monumento. O estudo de diagnose realizado en 2015 puxo de manifesto o deterioro dalgunhas das súas estruturas, de aí que se estimou a necesidade de levar a cabo un proxecto de conservación preventiva para corrixir esta situación e evitar o derrubo e destrución das estruturas postas ao descuberto en anteriores traballos arqueolóxicos. Ademais, a continuación dos traballos arqueolóxicos neste xacemento permite tamén afondar no coñecemento e investigación do mesmo como paso previo á continua mellora da súa oferta sociocultural.

Comparte