Nova: A fundación Camilo José Cela despide a exposición Compañías convenientes

23/09/2016
A fundación Camilo José Cela despide a exposición Compañías convenientes
O secretario xeral de Cultura participou na clausura da mostra, con obras de 12 artistas en diálogo co legado do escritor
Padrón (A Coruña), 23 de setembro de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na clausura da exposición 'Compañías convenientes. Diálogos contemporáneos co home poliedro', que se exhibiu na Fundación Pública Galega Camilo José Cela desde o pasado mes de maio.
A arte contemporánea foi o eixo central deste proxecto expositivo no que Román Corbato, Elena Fernández Prada, Mery Pais, Amaya González Reyes, Chelo Matesanz, Carme Nogueira, Jorge Perianes, Laura Piñeiro, David Catá, Edu Valiña, Jesús Madriñán e Paulova interaccionaron con obras literarias, obxectos e espazos da fundación para propoñer un achegamento creativo á figura e ao legado literario do escritor padronés.
Novos achegamentos á figura de Cela
Os 12 artistas, afirmou Anxo Lorenzo, "abriron para nós o diálogo para achegarnos ás diversas facetas da figura de Cela, con atrevemento, con orixinalidade, con calidade creativa e cunha frescura que nos convida a lecturas novas".
A iniciativa, comisariada por Paula Cabaleiro, enmárcase na programación promovida pola Xunta de Galicia para conmemorar o centenario do nacemento do premio Nobel galego, con diversas actividades na sede da fundación e fóra dela para poñer a Cela no centro da actualidade cultural.