Nova: FalaRedes festexa o Día de Galicia coas propostas de lecer en galego 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'Os sons do vento que pasa'

24/07/2014

FalaRedes festexa o Día de Galicia coas propostas de lecer en galego 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'Os sons do vento que pasa'

O concurso infantil visita mañá Quiroga e o concerto de fados fará parada no de Ribas de Sil

 

  • Imaxe dos sons do vento que pasa Imaxe dos sons do vento que pasa
  • Imaxe dos sons do vento que pasa Imaxe dos sons do vento que pasa
  • Os Bolechas e o Sabichón Os Bolechas e o Sabichón

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2014.- O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrará o Día de Galicia coa veciñanza dos concellos lucenses de Quiroga e Ribas de Sil, a onde mañá chegarán os espectáculos Os Bolechas e o Sabichón e Os sons do vento que pasa.

A cita co concurso-teatro infantil protagonizado polos famosos personaxes de Pepe Carreiro será no Auditorio Municipal de Quiroga ás 20:00 h, a mesma hora á que comezarán a soar no Anfiteatro da praia fluvial de San Clodio de Ribas de Sil os fermosos fados en galego interpretados por Gonçalo Guerreiro.

Será despois de que hoxe Os sons do vento que pasa, unha proposta dirixida a público de todas as idades, faga parada no concello pontevedrés do Grove, que acollerá o concerto ás 21:00 horas na Praza do Corgo.

Tamén hoxe e no marco do FalaRedes 2014, a rapazada dos concellos ourensáns de Lobios e Porqueira pasará unha tarde de diversión nas piscinas municipais das súas localidades grazas á xincana lingüística Augalingua, a actividade máis refrescante do programa que celebrará senllas sesións ás 12:00 e ás 16:00 horas, respectivamente. Desde o martes, esta proposta de Reverso Comunicación, Cultura e Lingua xa pasou con grande éxito polas vilas de Mesía, Sobrado e O Pereiro de Aguiar.

Teatro, xogos e música
Con estas tres actividades dinamizadoras, FalaRedes bota man do teatro, da música e dos xogos na auga para promover o uso e valoración positiva da lingua de Galicia, especialmente entre a infancia e a mocidade, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Nos Bolechas e o Sabichón, dirixido á xente miúda e ás súas familias, os nenos e nenas de 4 a 8 anos demostran as súas habilidades lingüísticas e aprenden novas palabras na compaña dos seus personaxes favoritos.

Augalingua tamén liga a imaxe do idioma á diversión ao achegar o galego aos rapaces de 6 a 12 anos durante o seu tempo de lecer nas piscinas municipais ou praias fluviais, cunha divertida xincana que combina xogos de lingua con probas de habilidade e rapidez.

Xa destinado ao público xeral, co concerto de fados Os sons do vento que pasa o espectador mergulla a través do idioma propio de Galicia na música tradicional portuguesa, nun espectáculo envolvente no que Gonçalo Guerreiro pon a voz e a guitarra e Dani Pais o acompañamento musical e dixital.

De xira ata finais de ano
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia a través de cinco actividades con 150 sesións coas que reforzará a súa oferta de ocio.

Completan a programación desta terceira edición do programa a obra de teatro infantil-familiar As fabas máxicas, que en setembro retomará a súa itinerancia pola RDL, e o concerto infantil Toc Toc, que xa concluíu unha exitosa xira na que máis de 5.000 persoas gozaron coa música de Pablo Díaz e a súa banda.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Comparte