Nova: Valentín González presenta o seu traballo por vez primeira en Galicia coa exposición Círculos de confusión

26/05/2016

Valentín González presenta o seu traballo por vez primeira en Galicia coa exposición Círculos de confusión

Producida pola Fundación Laxeiro para Afundación, a mostra reúne 30 obras que ilustran o percorrido creativo do artista asturiano durante as últimas dúas décadas

O secretario xeral de Cultura puxo en valor na apertura da exposición “a capacidade de cooperar e de favorecer proxectos de interese para a cidadanía e para o avance e a promoción da arte en Galicia”

Vigo, 26 de maio de 2016.- O traballo do fotógrafo Valentín González chega por vez primeira a Galicia con ‘Círculos de confusión’, unha exposición producida pola Fundación Laxeiro que abriu esta tarde as súas portas na sede de Afundación en Vigo.

No acto de apertura da mostra –que reúne unha selección de 30 imaxes nas que se ilustra a traxectoria creativa do fotógrafo asturiano durante as dúas últimas décadas–, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor “a capacidade de cooperar e de favorecer proxectos de interese para a cidadanía e para o avance e a promoción da arte en Galicia”.

Unha ollada subxectiva
A mostra –comisariada por Javier Pérez Buján– presenta “unha escolma de fotografías para achegarnos á bagaxe deste autor e dos recursos e visións que foi modulando ao longo da súa traxectoria fotográfica”, afirmou Anxo Lorenzo, quen se referiu aos “círculos de confusión” como “unha ollada subxectiva que tamén nós completamos subxectivamente como espectadores, sen compartirmos un limiar exacto de nitidez na percepción visual”. “Creo que é unha metáfora óptima para achegarnos á arte actual, nun concepto amplo, sen esperarmos un punto exacto común de percepción idéntica”, asegurou.

Creación de novas realidades
Os círculos de confusión fan referencia no ámbito da óptica á definición da nitidez focal e constitúen unha medida para establecer o limiar da óptima percepción visual. A partir da captura da realidade visual, Valentín González emprega a fotografía co fin de crear novas imaxes nas que desvela outras realidades. Para levar a cabo esta intervención, o artista intervén cun proceso de manipulación que dá como resultado imaxes insólitas, entre a psicodelia e a introspección.

Con ‘Círculos de confusión’ –que se exhibe na sede de Afundación en Vigo ata o 25 de xuño– Valentín González (Xixón, 1955) chega por primeira vez a Galicia, despois de ter sido exhibido noutros lugares de España e ter viaxado por outros países como Rusia, Francia, Moldavia, Alemaña, Estados Unidos, Bélxica e Italia.

Impulso á difusión das artes plásticas
A Consellería de Cultura e Educación mantén unha colaboración permanente coa Fundación Laxeiro, cos obxectivos principais de contribuír ao estudo, localización, catalogación e posta en valor da obra do artista. Esta colaboración enmárcase, así mesmo, no labor promovido polo Goberno galego para impulsar a difusión das artes plásticas e visuais a través do apoio á actividade das principais entidades galegas neste ámbito.

Comparte