Nova: A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia conxuga na súa 30ª edición grandes nomes da escena internacional cos últimos proxectos galegos

19/07/2014

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia conxuga na súa 30ª edición grandes nomes da escena internacional cos últimos proxectos galegos

Desde hoxe e ata o 26 de xullo, poderase gozar do talento do británico Declan Donellan ou da italiana Emma Dante, xunto coas as últimas propostas de compañías como Chévere e Voadora, entre outras

  • Cartel da 30 MIT de Ribadavia

Ribadavia (Ourense), 19 de xullo de 2014.- A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia botou a andar este serán a trixésima edición do que constitúe un “encontro estratéxico para o teatro galego” e un “referente fundamental para o sector escénico en Galicia, polo seu papel histórico de escaparate dos traballos actuais das compañías galegas e tamén como espazo de intercambio e contacto coas tendencias que se están a realizar fóra”. Así o asegurou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou, xunto co director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, no acto de inauguración da mostra, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Recoñecemento do labor histórico da mostra
En referencia á “aposta por unha programación como a que se ofrece este ano”, o secretario xeral destacou que supón “un recoñecemento ao labor destes últimos trinta anos realizado polo conxunto do sector teatral galego arredor desta cita en Ribadavia”. Nesa andaina, engadiu, “marcáronse fitos fundamentais para a construción dun teatro galego novo, acorde coas novas necesidades sociais e coa idea de contar cun sistema teatral cada vez de maior calidade e profesionalidade”.

Así mesmo, Anxo Lorenzo recordou na súa intervención o recente recoñecemento á traxectoria da mostra a través dos Premios da Cultura Galega 2013, que, segundo explicou, “foi tamén unha maneira colectiva de aplaudir este esforzo anual da MIT”.

Unha oportunidade para ver as últimas montaxes
Desde hoxe e ata o 26 de xullo, a MIT despregará unha carteleira que aposta pola innovación a través de grandes nomes da escena internacional, como o británico Declan Donellan ou a italiana Emma Dante, e das últimas propostas de compañías galegas como Chévere e Voadora, entre outras. “Unha programación –dixo o secretario xeral de Cultura– coas portas abertas á experimentación, á descuberta de novas linguaxes no ámbito dramático e á fusión das artes, nun sentido amplo e en relectura permanente do concepto de artes escénicas”.

Voadora abre a MIT 2014
A compañía Voadora é a encargada de inaugurar a MIT 2014 coa estrea galega da súa revisión de ‘A tempestade’, de Shakespeare, produción que o vindeiro 2 de outubro abrirá a nova tempada teatral do Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación, en Santiago de Compostela. Pola súa banda, Chévere presentarase en Ribadavia o venres 25 de xullo con ‘O país dos ananos’, o seu cabaré nihilista sobre a Galicia actual.

A representación da creación escénica galega actual compartirá escenario con interesantes propostas internacionais, entre as que destaca a presentación por vez primeira en Galicia dun espectáculo dirixido por Declan Donellan, un dos grandes nomes do teatro internacional. En Ribadavia, a súa compañía Cheek by Jowl, asociada ao Barbican Centre de Londres, porá en escena o martes 22 de xullo a coprodución británico-francesa ‘Ubu Roi’, versión moi persoal e actual da obra de Alfred Jarry.

Ademais, a MIT recibirá a Emma Dante, unha das máis recoñecidas directoras de escena de Italia, quen chegará a Galicia coa peza de teatro-danza ‘Le sorelle Macaluso’ (domingo 20 de xullo) inmediatamente despois de presentala no afamado festival francés de Avignon.

Teatro afeccionado e compañías de recente creación
Ao longo da semana, terán cabida tamén as montaxes das agrupacións de teatro afeccionado e compañías de recente creación, nesta vontade integradora da programación e de mostra do global do rico sistema teatral galego.

A colaboración da Consellería de Cultura e Educación coa mostra de teatro ribadaviense no seu trinta aniversario materialízase a través dunha achega de 60.000 euros, contía que supón un incremento na súa contribución económica ao evento dun 34,27 por cento respecto do ano anterior.
 

Comparte