Nova: Luz Pozo Garza reflicte a dor da perda da súa neta no seu último poemario ‘Sol de medianoche’

18/07/2014

Luz Pozo Garza reflicte a dor da perda da súa neta no seu último poemario ‘Sol de medianoche’

Presentouno na Feira do Libro de Ribadeo, unha cita que volve a esta vila lucense despois de vinte anos sen celebrarse

 

  • Sol de Medianoche

Ribadeo (Lugo), 18 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde na presentación do poemario Sol de medianoche, de Luz Pozo Garza, no que a poetisa reflicte a dor pola perda da súa neta. No acto, que se celebrou no marco da Feira do Libro de Ribadeo, o conselleiro salientou a sensibilidade da obra “dunha das nosas grandes autoras contemporáneas e figura decisiva na evolución cultural de Galicia desde hai moitas décadas”.

Neste sentido, Vázquez Abad afirmou que “as galegas e os galegos podemos sentirnos orgullosos da altura literaria que acadamos. Hoxe as nosas editoriais contan con valiosísimos materiais, que nos dan voz ante o mundo e que nos permiten integrarnos no lugar que nos corresponde dentro da diversidade global na que vivimos. Os nosos valores, recoñecidos ao longo dos séculos – rematou-, espertan agora a un novo tempo, no que importa moito máis o perceptible ca o cuantificable”.

Editado por Eurisaces, o novo libro da ribadense forma parte dunha traxectoria como escritora que constitúe unha experiencia transida pero sen perder a esperanza e que Luz Pozo foi tecendo co tempo con títulos como Ánfora (1949), Códice Calixtino, Prometo a flor de loto e As vodas palatinas. Este labor, compleméntase coa súa obra crítica sobre Rosalía de Castro, Luis Pimentel, Cunqueiro, Otero Pedrayo e Luis Seoane; así como coa dirección das revistas ‘Nordés’ e ‘Clave Orión’.

A poetisa foi candidata pola Asociación de Escritores en Lingua Galega ao Nobel de Poesía e, pola Real Academia Galega, da que é membro dende 1996, ao Premio Raíña Sofía. Ademais, recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla Castelao, os premios González Garcés, Letras de Bretaña, e o da Crítica Española no 2011.

A obra
Sol de medianoche é un libro de versos estruturado en cinco partes, e que consta de 64 poemas en castelán, onde o centro e a inspiración é Natalia, neta da autora, que faleceu o pasado 2012 aos 38 anos de idade despois dunha longa enfermidade. Luz Pozo, tenta achegarnos cos seus versos un sufrimento puro e desgarrador producido pola morte da súa neta Natalia.

A recuperación dunha feira
A presentación do poemario desenvolveuse no marco da Feira do Libro de Ribadeo, recuperada este 2014 tras 20 anos sen celebrarse, grazas ao traballo da Asociación Cultura Francisco Lanza, o Concello e a Federación de Librarías de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia tamén este evento, que é unha das 12 citas de Feiras do Libro de Galicia 2014.

Cómpre lembrar, neste sentido, que a Xunta inviste este ano preto de 275.000 euros na promoción do sector do libro galego a través do apoio deste departamento ás Feiras do Libro de Galicia 2014, así como á participación das editoriais galegas en 4 feiras internacionais - Boloña, Frankfurt, Bos Aires e Guadalaxara (México)- , o que supón un 11,1% máis ca no ano 2013.
 

Comparte