Nova: Convócanse oito bolsas para impulsar a formación en materia de patrimonio moble

13/04/2016

Convócanse oito bolsas para impulsar a formación en materia de patrimonio moble

O persoal bolseiro realizará actividades de documentación e restauración de fondos en museos propios e xestionados por Cultura durante seis meses

Santiago, 13 de abril de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca no Diario Oficial de Galicia 8 bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego co fin de impulsar a formación do futuro persoal técnico en materia de museos. Non en balde, para facilitar a aprendizaxe destas persoas en contornos reais de traballo, os bolseiros realizarán a súa actividade en museos propios e xestionados pola Consellería e serán dirixidos e coordinados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Durante este período formativo de 6 meses, que poderá prorrogarse por outros seis meses no ano 2017, os beneficiarios da bolsa completarán a súa preparación académica cunha formación teórico-práctica nos eidos concretos da documentación de fondos de patrimonio moble e da restauración de fondos de museos de Galicia. Cada unha das bolsas estará dotada con 5.750 euros

As persoas que soliciten as bolsas de documentación deberán ter formación universitaria en historia ou antropoloxía, en historia da arte ou en arqueoloxía, mentres que para as bolsas de restauración se requiren estudos en restauración das especialidades de arqueoloxía e pintura e escultura. Na valoración de solicitudes terase en conta a titulación académica, o expediente académico e a formación complementaria, apartado no que se terán en conta os cursos relacionados coa especialidade do campo a que se opta, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais; congresos, xornadas e seminarios relacionados coa especialidade do campo ao que se opta; cursos de informática e cursos de fotografía. Así mesmo, esixirase que os aspirantes acrediten estar en posesión do Celga 3 ou equivalente.

A avaliación das solicitudes, que se poderán presentar ata o vindeiro día 13 de maio, efectuarase por unha comisión técnica presidida polo titular da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, actuando como secretaria a titular do Servizo de Museos e na cal actuarán como vogais dous técnicos deste Servizo.

A convocatoria pode consultarse no DOG.

Comparte