Nova: Récord de participación na convocatoria do IV Encontro de Artistas Novos con 352 solicitudes de creadores emerxentes

16/07/2014

Récord de participación na convocatoria do IV Encontro de Artistas Novos con 352 solicitudes de creadores emerxentes

Os setenta seleccionados poden consultar o listado en www.cidadedacultura.org e deberán confirmar a súa praza vía email antes do 1 de agosto

 

  • Cartel do Encontro de Artistas Novos 2014

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2014.- A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá a coñecer o nome dos setenta creadores seleccionados para participar no IV Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN), que terá lugar do 9 ao 12 de setembro deste ano no Gaiás.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez celebra o éxito desta cuarta convocatoria que rexistrou o maior número de proxectos presentados, cun total de 352 solicitudes, todos eles dunha altísima calidade. Do mesmo xeito, o EAN deste 2014 será o primeiro que admita a presenza de creadores emerxentes que superen os 35 anos, o que para Cultura e Educación axudará, sen dúbida, a enriquecer a convivencia e o resultado final do encontro.

Todos aqueles que presentaron o seu proxecto para optar a unha praza neste IV Encontro de Artistas Novos xa poden consultar o listado de seleccionados no web www.cidadedacultura.org. Cultura e Educación recórdalle aos afortunados que deberán confirmar a súa praza antes das 14:00 horas do venres 1 de agosto a través do mail encontro@cidadedacultura.org tal e como se indica nas bases.

A obtención dunha praza inclúe a matrícula de inscrición, a estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o 9 de setembro ata o venres 12 de setembro (ambas as dúas inclusive) e transportes diarios desde o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura.

Encontros con artistas e art followers
A Cidade da Cultura de Galicia converterase, do 9 ao 12 de setembro, en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea e outros máis concretos relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección.

Ademais de favorecer a convivencia entre artistas galegos e outros procedentes doutros lugares, o Encontro propiciará o debate sobre a situación actual da arte contemporánea. Do mesmo xeito, proporcionará un espazo de encontro e intercambio de coñecementos de ideas entre artistas e outros axentes do sector como críticos ou comisarios.

Deste xeito, os participantes poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística, mediante unha serie de conferencias impartidas por figuras de recoñecido prestixio nos circuitos nacionais e internacionais da arte contemporánea como son Lois Patiño, Din Matamoro, José Manuel Ballester e Dora García. Xunto a eles, os participantes tamén convivirán con observadores que apoian os novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa e Semíramis González serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán como art followers.

Intervención nas Torres Hejduk
Como xa vén sendo habitual, este IV Encontro de Artistas Novos celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

A maiores, a Cidade da Cultura de Galicia abre a posibilidade de que algún dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. O gañador da primeira convocatoria foi o proxecto colectivo ‘En ningún lugar’, de Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariza e Pablo Martínez Muñiz. Este traballo, que estivo baixo o comisariado de Carlos Delgado Mayordomo, consistía en cinco intervencións a través das que se reformulou o significado das Torres Hejduk.

Esta iniciativa da Cidade da Cultura busca apostar polo talento emerxente no complexo do Gaiás, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.

Comparte