Nova: As bibliotecas celebran o Día da Ilustración cun programa especial de actividades creativas

26/01/2016

As bibliotecas celebran o Día da Ilustración cun programa especial de actividades creativas

Profesionais como Óscar Villán, Noemí López, Jaime Asensi e Ángela Curro intervirán nos obradoiros e encontros que se realizarán ao longo desta semana

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que participará activamente na celebración, presentará o catálogo ‘Novas olladas sobre os clásicos universais’ e a campaña ‘Guía Ninja do ilustrador’, que porá en marcha este ano

Cultura incorporou esta data ao Calendario do libro e da lectura no día do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro 
 

  • Pipi Calzaslongas, por Aida Alonso
  • Detalle do cartel do Día da Ilustración 2016
  • Cartel do Día da Ilustración 2016

Santiago, 26 de xaneiro de 2016.- As actividades creativas centran esta semana a programación das bibliotecas públicas galegas, co gallo da celebración do Día da Ilustración, o vindeiro 30 de xaneiro. Coincidindo co día do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a Consellería de Cultura e Educación incorporou esta data, en 2013, ao Calendario do libro e da lectura para destacar a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para poñer en valor o sector galego da ilustración.

Con estes mesmos obxectivos, as bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, convidan a cidadanía a se sumar a esta celebración cun programa especial de actividades de balde, entre as que destacan diferentes obradoiros, xunto con exposicións, presentacións de obras e encontros con ilustradores e ilustradoras.

Obradoiros creativos
Jaime Asensi, autor do cartel do Día da Ilustración 2016, impartirá dous obradoiros para público infantil e xuvenil na Biblioteca de Galicia, que terán lugar o sábado 30 de xaneiro, ás 17:00 horas, para nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, e o domingo 31 de xaneiro, ás 12:00 horas, para rapaces e rapazas de 11 a 15 anos. A partir do texto dun autor galego, os asistentes introduciranse a través destes obradoiros no proceso de creación das personaxes e da ambientación da historia, desde os bosquexos ata o traballo final.

Na Biblioteca Pública de Lugo, Noemí López propón un obradoiro, o día 29 ás 18:00 horas, para lles descubrir aos nenos e nenas de 4 a 12 anos diferentes técnicas coas que trasladar o imaxinario dunha historia ao papel, coa creación de personaxes e escenarios de ficción. Tampouco faltarán en Ourense as propostas para achegarlles o mundo da ilustración aos máis pequenos. Na biblioteca pública, a Asociación Chespir impartirá, o sábado 30 ás 12:00 horas, o obradoiro ‘Ponlle cara a un libro’, dirixido a nenos e nenas maiores de 6 anos. E para o público de entre 12 e 18 anos, ese mesmo día ás 11:30 horas, Lucía Blanco ofrecerá un obradoiro de caricatura no marco do programa de voluntariado cultural nas bibliotecas.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel celebrará o Día da Ilustración con dous obradoiros o propio 30 de xaneiro. O primeiro a cargo de Aurora López, que impartirá, ás 12:00 horas, a actividade ‘Actores de lapis e papel’, para nenos e nenas a partir de 4 anos. O segundo, ás 12:30 horas para nenos e nenas a partir de 6 anos, correrá a cargo de María Vilar, que propón unha experiencia creativa de banda deseñada.

Os que se acheguen o sábado 30 ás bibliotecas públicas da Coruña e de Vigo tamén terán ocasión de conversar e coñecer en detalle a obra de recoñecidos ilustradores e ilustradoras. A Miguel González Garcés organiza ás 12:00 horas a charla ‘Aproximación á ilustración’, con Óscar Villán, dirixida a rapaces e rapazas de 8 a 12 anos, mentres que a Juan Compañel propón, ás 12:30 horas, un encontro coa ilustradora Ángela Curro para todos os públicos. Para afondar na obra desta ilustradora e autora de banda deseñada, a biblioteca viguesa tamén exhibe unha mostra cunha selección dos seus traballos máis representativos.

Castelao, Seoane e Granell
Esta celebración tamén servirá para se achegar á figura de artistas galegos como Castelao, Granell e Seoane. No ano no que se conmemora o 130º aniversario do nacemento de Castelao, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal achégase ao artista a través dunha mostra bibliográfica, que se acompaña doutra mostra arredor dos ilustradores e das ilustradoras galegas. Ademais, o centro santiagués poñerá en valor a figura do artista Eugenio Granell a través de dous obradoiros, un de manualidades baseadas nas obras do pintor surrealista, o xoves 28 de decembro, ás 18:30 horas, e outro o venres 29, ás 18:30 horas, para a creación dun gran mural conxunto a partir dunha obra de Granell. Ambos os obradoiros están dirixidos a rapaces e rapazas de 8 a 12 anos.

Luís Seoane será protagonista da celebración do Día da Ilustración na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, onde o colectivo Polo Correo do Vento organizará o venres 29 de xaneiro, ás 18:00 horas, o obradoiro e contacontos ‘Luís Seoane. Retratos de esguello’, dirixido a público familiar con nenos e nenas a partir de 3 anos. Estas actividades completaranse cunha mostra bibliográfica arredor da obra do artista.

Novas olladas sobre os clásicos universais
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) participa un ano máis na conmemoración desta data. A nova directiva da entidade, presidida por Sergio Covelo, presentará o xoves 28 de xaneiro na Ánxel Casal, ás 19:00 horas, a obra ‘Novas olladas sobre os clásicos universais’. Neste catálogo trilingüe, en galego, castelán e inglés, editado co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, socios e socias da AGPI ofrecen a súa particular interpretación de clásicos como ‘Alicia no país das marabillas, ‘Alí Babá e os corenta ladróns’, ‘O frautista de Hamelín’, ‘A bela e a besta’ e ‘Carapuchiña vermella’, entre outros.

No acto, que contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a AGPI fará un percorrido polas principais actividades que vén impulsando a asociación e avanzará algunhas das iniciativas previstas para o 2016, entre as que destaca a campaña ‘Guía Ninja do ilustrador’ (título provisional), que porán en marcha este ano.

#nosilustramos, campaña nas redes
Ademais, a AGPI promove a celebración desta data e a visibilización do sector a través das redes sociais. O sábado 30 convidan a todas e todos os ilustradores galegos ou radicados en Galicia a cambiar a súa imaxe de perfil por un autorretrato e a compartila baixo o hashtag #nosilustramos.

Axenda de Cultura de Galicia
A inscrición para participar nos obradoiros pode realizarse nas correspondentes bibliotecas ou nas súas webs. A programación coas actividades do Día da Ilustración está accesible na páxina web cultura.gal, a través da Axenda de Cultura de Galicia, que tamén dispón dunha app para consultar os eventos desde o móbil ou tableta.