Nova: O 82º Congreso Internacional do PEN celebrarase en Ourense coa participación de 250 escritores de todo o mundo

22/01/2016

O 82º Congreso Internacional do PEN celebrarase en Ourense coa participación de 250 escritores de todo o mundo

Organizarase baixo o lema ‘Erguendo pontes literarias’

  • Anxo Lorenzo na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel Anxo Lorenzo na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel
  • Anxo Lorenzo na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel Anxo Lorenzo na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Ourense, 22 de xaneiro de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que a realización do 82º Congreso Internacional do PEN na cidade de Ourense lle reportará á cultura galega unha gran proxección internacional, irmandando creadores de todo o mundo cos galegos e compartindo entre todos proxectos e plataformas de comunicación literaria.

Durante a rolda de prensa de presentación, Lorenzo Suárez asegurou que a iniciativa, -que terá lugar este ano entre o 26 de setembro e o 2 de outubro-, supón unha honra para Ourense e para Galicia acoller o congreso anual dun organismo internacional de referencia no ámbito da literatura, dos dereitos humanos e da liberdade de expresión. Tamén felicitou o Centro PEN Galicia, que organiza, xunto coa Deputación Provincial de Ourense, o evento, no que se darán cita 250 escritores e escritoras de todo o mundo.

Presenza de Galicia no panorama cultural internacional
Na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do presidente do PEN Galicia, Luís G. Tosar, e da concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, Anxo Lorenzo recordou que Galicia estará moi presente no panorama cultural internacional con este congreso e tamén coa designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016.

Logo do seu paso en 2015 por Québec, a nova edición do congreso chega a Galicia este ano cun programa literario aberto ao público contará con encontros con escritores e escritoras de renome internacional, obradoiros, recitais e presentacións. Ademais da Asamblea Xeral de Delegados, á que está previsto que asistan sobre 250 congresistas procedentes de máis de 70 países, haberá xuntanzas dos Comités da Paz, Tradución e Dereitos Lingüísticos, de Mulleres escritoras e dos Escritores en prisión.

Comparte