Nova: Á disposición da cidadanía o acceso gratuíto ao dicionario en liña Digalego

11/01/2016

Á disposición da cidadanía o acceso gratuíto ao dicionario en liña Digalego

Contén máis de 65.000 entradas, o que o converte nunha das ferramentas máis completas e actualizadas do mercado lexicográfico galego

Con esta iniciativa búscase promover o uso do galego entre todos os sectores profesionais, así como a aprendizaxe de outras linguas desde o idioma propio de Galicia e a difusión exterior do galego
 
  • O conselleiro, Román Rodríguez, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o editor de Ir Indo, Bieito Ledo, presentaron o proxecto esta mañá O conselleiro, Román Rodríguez, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o editor de Ir Indo, Bieito Ledo, presentaron o proxecto esta mañá

Santiago, 11 de xaneiro de 2016.- A Xunta de Galicia porá a disposición de toda a cidadanía o acceso gratuíto a Digalego.xunta.gal, un completo dicionario en liña de lingua galega que, con máis de 65.000 entradas, é unha das obras máis completas e actualizadas do mercado lexicográfico galego. A iniciativa é posible grazas ao acordo acadado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a editorial Ir Indo, que cede os dereitos do manual á Administración autonómica.

O conselleiro, Román Rodríguez, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o editor de Ir Indo, Bieito Ledo; presentaron o proxecto esta mañá nunha rolda de prensa, na que se resaltou o carácter de servizo público desta iniciativa. Neste sentido, o titular do departamento de Cultura e Educación da Xunta de Galicia sinalou que a publicación do Digalego persegue, en primeiro lugar, ofertar o acceso a esta ferramenta aos colectivos que a necesiten para o desenvolvemento do seu labor profesional, facilitando o uso correcto do galego na súa actividade diaria a empresas e sectores produtivos. "É dicir favorecemos a presenza do galego no tecido empresarial e profesional–dixo-, tal e como estamos comprometidos a facelo a través do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico". Román Rodríguez salientou que o Plan xa foi presentado diante do Parlamento de Galicia e que ten entre os seus obxectivos crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias; ou estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais.

Como segundo obxectivo da publicación en aberto do Digalego, o conselleiro subliñou a proxección exterior do galego. Neste sentido, e dado que o dicionario ofrece equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán, facilítase que os falantes de todas esas linguas poidan aprender galego a través dun recurso gratuíto ao que se accede desde calquera punto do mundo a través da internet. "Existen centros de estudos galegos en 13 países, nos que centos de persoas estudan a lingua propia de Galicia", explicou, sinalando o amplo interese que existe polo coñecemento da nosa lingua, "que agora será máis doado a través desta ferramenta".

A directora da Amtega, Mar Pereira, destacou que o dicionario, creado por Ir Indo é excelente ferramenta, que agora a Xunta pon a disposición de toda a cidadanía, mellorando este documento de consulta online tanto desde o punto de vista da accesibilidade como da usabilidade. Pereira destacou que “a presenza da Administración pública no contexto dixital e o incremento de servizos e ferramentas online e en mobilidade son parte esencial da Administración que estamos a construír, un Administración que estea máis cerca do cidadán, con servizos dixitais, sinxelos e accesibles que contribúan tamén a difundir a nosa riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social”.

A directora da Amtega lembrou que a ese obxectivo sumouse o ano pasado o emprego do dominio .gal, pola Xunta de Galicia, o “apelido” galego na rede que están a incorporar todas as novas webs institucionais, un compromiso que asumiu o Goberno galego o pasado mes de maio e que se completará a finais de 2016 coa migración de todos os portais e o correo corporativo ao .gal.

Avanzar no cambio tecnolóxico
O conselleiro quixo, así mesmo, salientar o esforzo que ambos departamentos están a facer para avanzar no cambio tecnolóxico en todas as áreas que quedan baixo a súa competencia. Neste sentido, lembrou que está xa en marcha a dixitalización do 100% das aulas dos 6 últimos cursos do ensino obrigatorio en centros públicos (5º e 6º Primaria e toda a ESO); e que a Amtega traballa na mellora continua da conectividade das aulas, para que se poida acceder mellor ás potencialidades que para o ensino ofrece internet.

Ademais, e xa no que atinxe aos soportes, hai en marcha varias liñas de traballo, a medio e longo prazo tales como a implantación do E-Dixgal, o libro dixital gratuíto para as familias; o crecemento Repositorio de Contidos do EspazoAbalar, ou a Libraría Institucional de Galicia, unha plataforma virtual na que por primeira vez a Administración autonómica concentra todo o seu fondo editorial e pono á disposición do conxunto da cidadanía e das librarías. Asemade, trabállase no desenvolvemento de proxectos no futuro en colaboración con outras institucións ou de editoriais como Ir Indo.

O dicionario
Cabe salientar finalmente que, con máis de 65.000 entradas, o Digalego segue as regras ortográficas e morfolóxicas acordadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega en xullo de 2003, e toma como base léxica o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa).

Respecto das súas utilidades cómpre destacar que desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as formas verbais, e que recolle tamén (baixo o epígrafe “Repertorio de formas incorrectas”) unha serie de voces non admitidas en galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén destaca o feito de que se poden buscar palabras partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano e que mostra equivalencias neses mesmo idiomas ademais de en chinés.