Nova: A Cidade da Cultura de Galicia invita a gozar do Nadal en familia aprendendo a bailar swing

22/12/2015

A Cidade da Cultura de Galicia invita a gozar do Nadal en familia aprendendo a bailar swing

Acollerá o sábado 26, partir das 16 horas, esta actividade coa actuación en directo de Los Hot Chocolates, con animación e clases de baile a cargo de Swing On e un obradoiro no que poder caracterizarse cos mellores complementos

Daranse a coñecer tamén os gañadores do concurso de postais, que recibirán o premio o 29 de decembro no transcurso da ‘Merenda de Nadal’

 

  • Imaxe da banda Imaxe da banda

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a grandes e pequenos a gozar do Nadal aprendendo a bailar swing en familia este sábado 26 de decembro na Cidade da Cultura. A partir das 16 horas, o Museo Centro Gaiás acollerá ‘Nadal Swing’, unha velada con banda en directo, exhibicións de bailaríns profesionais, clases de iniciación e uns divertidos obradoiros nos que poder caracterizarse con diferentes accesorios e converterse no rei da pista.

Los Hot Chocolates deleitarán ao público cun repertorio no que combinará a alegría e o positivismo do jazz tradicional e a diversión do swing. Nenos e maiores poderán aprender a dar os primeiros pasos deste divertido baile grazas a Swing On, encargados de impartir unhas pequenas clases de iniciación e tamén de animar á velada con exhibicións de baile que nos deixarán coa boca aberta.

Como complemento, ‘Nadal swing’ contará cun recuncho no que caracterizarse como un auténtico bailarín. Da man de Cosmogonía, grandes e pequenos poderán participar nun obradoiro moi especial no que construír saias de tul, auténticos zapatos de bailarín, sombreiros... e todo o necesario para ir acorde co espírito da velada.

As entradas xa están á venda a un prezo de 5€ no Museo Centro Gaiás e www.ataquilla.com (+gastos de xestión), con descontos para familias e colectivos especiais que se poden consultar en www.cidadedacultura.gal.

Findes na balea
O 26 de decembro se darán a coñecer os gañadores do concurso de postais ‘Imaxina o teu Nadal no Gaiás’, no que nenos de ata 9 anos customizaron a plantilla que este ano preparou a ilustradora galega Cinta Arribas para eles. Os seis gañadores (tres por categoría: de 0 a 5 anos e de 6 a 9 anos), recibirán un pequeno agasallo e un pack de entradas para asistir o 29 de decembro á ‘Merenda de Nadal’, evento no que terá lugar a entrega de premios.

‘Nadal no Gaiás’ compleméntase coa programación das actividades didácticas ‘Findes na balea’, que durante os sábados e domingos de decembro e xaneiro seguirán alternando un servizo de ludoteca (sábados) con obradoiros fotográficos (domingo) nos que achegarse á exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ e converterse en artista por un día.

Comparte