Nova: Do Audible despide a edición de 2015 cun concerto de música contemporánea en diálogo coa filosofía

23/11/2015

Do Audible despide a edición de 2015 cun concerto de música contemporánea en diálogo coa filosofía

O Auditorio Municipal de Lalín acollerá o próximo 25 de novembro a xornada de clausura da terceira edición do programa de Cultura e Educación

Vertixe Sonora estreará obras dos compositores Andrés Nuño de Buen, Ingar Zach e Miguel Ángel Tolosa, que participará na sesión xunto co filósofo Javier Turnes

  • Cartel do ciclo 'Do Audible' Cartel do ciclo 'Do Audible'
  • Miguel Ángel Tolosa participa na sesión co filósofo Javier Turnes Miguel Ángel Tolosa participa na sesión co filósofo Javier Turnes
  • Javier Turnes participa na sesión co compositor Miguel Ángel Tolosa Javier Turnes participa na sesión co compositor Miguel Ángel Tolosa

Santiago, 23 de novembro de 2015.- O ciclo de música contemporánea Do Audible despide esta semana a súa terceira edición coa sesión ‘Baleiro’, que terá como protagonistas a música e a filosofía. O vindeiro mércores 25 de novembro, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Lalín será o escenario de clausura da programación de 2015 deste ciclo organizado pola Consellería de Cultura e Educación, coa colaboración de Vertixe Sonora Ensemble, que tende pontes entre a música e disciplinas como arte, a ciencia e o pensamento contemporáneos.

Do Audible ofrecerá na comarca do Deza un concerto que xirará arredor da filosofía e do baleiro como un concepto construtivo, asociado á idea de colector ou de espazo que admite todo tipo de posibilidades na cultura tradicional xaponesa. Para iso porá a dialogar o compositor Miguel Ángel Tolosa (Madrid, 1969), cuxa obra ten como obxecto a experiencia do tempo a través da escoita, e o filósofo Javier Turnes (Portomouro, 1976), que se doutorou cunha tese que puña en relación música e pensamento, e que traballa na elaboración de materiais didácticos sobre música moderna para ensino secundario.

Estreas musicais
Vertixe Sonora Ensemble –coa interpretación dos músicos Alessandra Rombolà, frauta; Xocas Meijide, clarinete; Ailsa J. Regina, cello; David Durán, celesta; e Diego Ventoso, percusión– estreará obras do propio Tolosa, do mexicano Andrés Nuño de Buen e do noruegués residente en Madrid Ingar Zach. O concerto, que conta coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música de Lalín e do Concello de Lalín, é de balde e con entrada libre ata completar a capacidade.

A terceira edición do ciclo ‘Do Audible’, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta, desenvolveu as tres primeiras sesións nas cidades da Coruña, Lugo e Pontevedra, nos meses de maio, xuño e outubro, con programas que vincularon a creación musical co espazo urbano, coa arte contemporánea e coa astrofísica.

Achegamento ás expresións contemporáneas
Con esta programación ofrécese un novo espazo de achegamento á música e ás expresións contemporáneas, cunha programación desenvolvida en distintas cidades de Galicia, que permite construír novas experiencias destinadas ao público xeral.

Comparte