Nova: Pesar polo pasamento do poeta Carlos Oroza

22/11/2015

Pesar polo pasamento do poeta Carlos Oroza

Considerado o poeta galego da xeración Beat

Santiago, 22 de novembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, expresou o seu pesar polo pasamento do poeta Carlos Oroza, falecido en Vigo, salientando a transcendencia da súa obra para o conxunto da lírica universal.

Nado en Viveiro en 1923, despois de vivir en Madrid, Ibiza e EE.UU, o autor residía na cidade da oliveira desde os anos 80. Nos anos sesenta Carlos Oroza foi coñecido no ambiente literario-poético español pola realización de múltiples recitais adscritos en forma e contido aos da xeración 'Beat', así como pola interpretación e performance da súa propia obra.

Ademais de recibir en Nova York o premio internacional de Poesía Underground, o Círculo de Bellas Artes de Madrid concedeulle a medalla de ouro en 2014. Así mesmo, un centro escolar de educación secundaria de Pontevedra leva o seu nome (CIFP Carlos Oroza).

Autor dunha obra reducida en número, algunhas das súas achegas principais foron: Eléncar (1974), Cabalum (1980), Alicia (1985), Una porción de tierra gris del norte (1996), En el norte hay un mar que es más alto que el cielo (primera edición en 1997), La llama prestada (1998) e Un sentimiento ingrávido recorre el ambiente (2006). Unha editorial viguesa recompilou toda a súa obra poética nun volume titulado Évame en 2013. Participou, tamén, na fundación da revista 'Tropos'.

Comparte